O Concello do Carballiño ofrece os profesionais da xustiza para colaborar na defensa do Partido Xudicial

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Carballiño
A-
A+

O alcalde do Carballiño Argimiro Marnotes contactou co decano dos procuradores e dos avogados do Carballiño para ofrecerlles toda a colaboración que precisen da institución municipal, dirixida á defensa do Partido Xudicial carballiñés. Este ofrecemento vén tras coñecer a reunión mantida polos avogados, procuradores e persoal dos xulgados do Carballiño, na que se tratou o anuncio do anteproxecto de lei que pretende eliminar os partidos xudiciais, salvo os das capitais provinciais.

O máximo edil entende que o concello debe ofrecerse aos profesionais para que sexan a correa de trasmisión en todos os movementos que se poidan realizar para defender un servizo de todos os cidadáns da vila e a comarca, ao ser eles, os profesionais, os mellores coñecedores do tema.

Neste sentido o alcalde carballiñés xa lle propuxo aos profesionais a posibilidade de realizar campañas informativas, asesoradas e guiadas por eles (os profesionais), así como os contactos que poidan  ofrecer desde a institución municipal con instancias superiores para tratar este asunto.

Así mesmo o portavoz municipal do PP anunciou a posibilidade de redactar unha nova moción, acordada polo tres partidos con representación no concello, para ofrecer un acordo unánime de todos, tal e como se fixo noutros asuntos que afectaban a todos os veciños e veciñas da vila e comarca “este é un asunto tan importante para o futuro desta vila e esta comarca que entendemos que non se trata de buscar protagonismos, senón de, entre todos, buscar unha solución”.

Cabe sinalar que o PP xa presentou, nada máis coñecerse o anteproxecto, unha moción para solicitar á Xunta todo o apoio aos partidos xudiciais en Galicia, e en concreto ao do Carballiño. Esta moción sería retirada para presentar unha consensuada polo tres partidos.

26 de abril de 2014 | 17:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.