O Concello do Carballiño crea unha brigada de limpeza e mantemento do Parque Municipal
Tal e como anunciase o alcalde do Carballiño o pasado mes de agosto, con motivo da celebración da Festa do Polbo, “o Parque debe ter persoal que se dedique só ao seu coidado”. A partir deste mes de maio tres operarios traballarán única e exclusivamente para manter o Parque Municipal da vila do Arenteiro. Así o confirmaba Argimiro Marnotes esta mesma semana.
Este tres traballadores iniciarán as súas tarefas no mes de maio, en primeiro lugar realizando labores de limpeza e roza de todo o Parque, incluído o paseo do Arenteiro desde a ponte de Toscaña até a zona dos Muiños. Unha vez realizados estes traballos, os operarios dedicaranse, 7 días á semana, a tarefas de mantemento deste gran parque, incluíndo nestas tarefas o baleirado de papeleiras e a vixilancia das infraestruturas que alberga esta zona verde carballiñesa. Desta forma cando detecten algunha anomalía nestas instalacións, mobiliario ou servizo públicos da zona, comunicarana para a súa rápida reposición ou arranxo.
Neste sentido destacar que a zona da avenida do Arenteiro, que presentaba pouca iluminación motivada pola desfeita vandálica dos farois da zona, xa conta con nova iluminación, e por tanto recupérase así unha zona moi utilizada polos veciños para pasear e facer deporte.
A nova brigada do Parque Municipal terá a súa sede, case con toda seguridade, na casa do Peón Caminero, dando tamén así unha utilidade a esta edificación que até agora pouco uso tiña. Nestas dependencias poderán gardar as ferramentas e maquinaria necesaria para o seu traballo.
Así mesmo dotaráselles dun vehículo eléctrico co que poderán moverse polo parque, transportar as ferramentas e, en caso de necesitalo, dotarlle dun remolque para elementos máis voluminosos.











