O Concello do Carballiño aposta pola erradicación das pombas no centro urbano de forma ecolóxica
O concello do Carballiño vén de contratar a unha empresa especializada para eliminar o problema das pombas no centro urbano. Un problema que vén de tempo atrás, e ao que se buscaron numerosas solucións sen atopar a adecuada. Agora todo apunta a que o sistema de Larus Control, vai permitir acabar con ese problema sen afectar aos propios animais.
Trátase dun proceso no cal a citada empresa realizará un censo de pombais incontrolados no centro urbano. Unha vez localizados pasarán esta información ao concello para que avise aos veciños, e permitan a colocación de gaiolas para a recolección destas aves, durante o tempo necesario para conseguir o maior número delas.
Unha vez estean capturadas, serán soltadas en zonas forestais, onde residen habitualmente estas especies, para que prosigan a súa vida nun ambiente natural. Así se garante o non sufrimento das pombas, a repoboación nalgúns lugares, e a eliminación dun problema para os veciños e a hostalaría local.
O primeiro paso foi solicitar o permiso a Medio Ambiente para proceder a executar este proxecto. Nada máis contar co permiso iniciaranse xa os procesos de recolección das aves. O principal obxectivo é diminuír ao máximo posible a poboación de pombas no centro urbano.
Desde que o actual grupo de goberno inicio este mandato atendeuse a demanda dun sector dos hostaleiros, principalmente da rúa Rosalía de Castro e Tomás María Mosquera, que vían como as pombas estaban a afectar aos seus negocios, sobre todo nas épocas estivais. Así mesmo foron tamén varios veciños os que elevaron as súas queixas pola deterioración que as pombas estaban a causar nas súas vivendas.
Tras estudar varias posibilidades, contouse nun primeiro momento cun cetrero que cedeu a súa aguia para tentar escorrentar a estas pombas, pero ao tratarse dun ambiente urbano, a ave rapaz pouco puido facer. Agora confíase en que esta empresa Larus Control, que conta con todos os permisos necesarios para realizar o seu traballo, poidan eliminar este problema no Carballiño.











