O Concello de Vilagarcía tramitou 555 solicitudes de axuda de emerxencia social no 2013
Os Servizos Sociais do Concello tramitaron ao longo de 2013 un total de 555 solicitudes de Axudas de Emerxencia Social tanto de carácter municipal como autonómicas, segundo se recolle na memoria de actividade rexistrada polo departamento o pasado exercicio. A administración local foi a que concentrou o maior número de peticións, un total de 382, e consecuentemente, tamén a que concedeu máis, acadando as 481. A Concellería de Traballo e Benestar destinou 162.069 euros a financiar as axudas que o Concello entrega ás persoas en situacións de urxente necesidade e que se conceden con carácter inminente.
A Área de Servizos Sociais do Concello é quen tramita todas as solicitudes de axudas de emerxencia, tanto as propias como as que concede a Xunta. O número de peticións realizadas ante a administración local foi de 382 mentres que as dirixidas á Xunta foron 173. A razón pola que o número de expedientes municipais é inferior ao número de axudas concedidas é porque en algúns caso, un mesmo expediente pode dar orixe a unha axuda puntual ou a varias axudas, de carácter periódico, que se contan de xeito individual.
Aumentan máis as axudas locais
En termos globais, a comparativa constata o crecente incremento da solicitude de emerxencia social por parte dos usuarios que recorren aos Servizos Sociais do Concello, xa que das 233 peticións rexistradas en 2011 pasouse a 319 en 2012 ata chegar ás 555 do ano pasado.
A tendencia á alza é similar tanto nas axudas municipais como nas autonómicas, aínda que moito máis acentuada no caso do Concello que case se triplican nos tres últimos anos (pasando das 149 a 382). Nese mesmo período o número se solicitudes cursadas ante a Xunta non chegou a duplicarse (pasaron de 84 a 173).
Tres tipos
As axudas de emerxencia social municipal concédense en función duns criterios obxectivos e nos requisitos recollidos nas bases específicas e para persoas que non dispoñen de recursos para facer fronte aos mesmos. A Emerxencia Social que financia o Concello divídese en tres tipos diferentes de axudas: as de emerxencia de pago único, as axudas infantís de carácter periódico e as alimenticias e de Hixiene.
As axudas de emerxencia de pago único son de carácter puntual e urxente e teñen como obxectivo pagar gastos relativos a necesidades básicas como vestido, vivenda, outros gastos de vivenda ou de equipamentos da mesma, medicinas, tratamentos, aloxamento alternativo, desprazamentos de urxencia, enterramentos…. Ao longo de 2013, o Concello tramitou 202 destas axudas (en 2011 foran 116).
Os gastos de vivenda
A memoria de servizos Sociais distingue este tipo de axudas en función do concepto para o que foron solicitadas. O grupo máis importante con diferencia foi o de gastos relacionados coa vivenda, xa que das 202 totais solicitadas, 83 corresponderon a pagos aluguer, 34 a letras de hipotecas e 106 a facturas relacionadas co mantemento e servizos da vivenda. Por aloxamento alternativo tramitáronse 3.
As axudas infantís de carácter periódico teñen como destinatarias ás familias con fillos de ata 18 meses de idade. Son para a compra de produtos alimenticios infantís (leite infantil, cereais, potitos) ou hixiénicos (cueiros). As solicitudes tramitadas o ano pasado foron 57, fronte as 30 de 2011.
O terceiro tipo de axuda de emerxencia social que concede o Concello son as axudas alimenticias e de hixiene de carácter periódico ás que poden acollerse as familias con menores ao seu cargo. Estas axudas concédense por un período máximo de tres meses, prorrogables ata un máximo de 9. Neste apartado os Servizos Sociais Municipais tramitaron en 2013 un total de 277 solicitudes, cando dous anos antes só se solicitaran 84.











