O Concello de Vilagarcía “licencia” aos 22 alumnos formados no obradoiro de emprego Vista Alegre II

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

Os 22 alumnos do Obradoiro de Emprego Vista Alegre II reciben hoxe a súa última clase do proxecto de promoción do emprego desenvolvido durante os últimos seis meses a iniciativa da Concellería de Traballo e Benestar e que financiou a Xunta. As persoas desempregadas que participaron na iniciativa recibiron neste tempo unha ampla formación teórico-práctica nas especialidades de xardinería e carpintería e mobiliario que lles permitirá mellorar as súas condicións de empregabilidade para reinsertarse no mercado laboral. Ademais, neste tempo, realizaron numerosas actuacións de interese comunitario consistentes na reparación de mobiliario urbano e municipal e conservación de zonas verdes e espazos naturais.

Tanto os alumnos como os monitores seleccionados para o Obradoiro de Emprego Vista Alegre II eran persoas desempregadas que durante o desenvolvemento do proxecto tiveron a oportunidade de traballar cun contrato e percibir un salario, á vez que se formaron nas especialidades de xardinería e carpintería.

Segundo se establecía no proxecto deseñado pola Área de Formación e Emprego da Concellería de Traballo e Benestar, os alumnos da especialidade de carpintería e moble encargáronse do mantemento de mobiliarios para a revalorización dos espazos públicos naturais e urbanos. Entre outras labores, realizaron reparacións de papeleiras, bancos e outros elementos de madeira dos espazos públicos, construíron elementos novos, e tamén levaron a cabo labores de reparación e remodelación de elementos do mobiliario municipal, como a mesa da sala de xuntas ou os pes de dous bustos que se exhibían no salón nobre; e tamén se encargaron de arranxar elementos do patrimonio local como o tratamento dos bustos de madeira atacados por polilla e a posta en valor dunha antiga roda de afiar.

Pola súa bando, os alumnos do módulo de Instalacións e mantemento de xardíns e zonas verdes ocupáronse da conservación e mellora dos parques e espazos públicos naturais do municipio. Traballaron nos parques da Xunqueira, O Castriño, Ravella, Dona Concha, a Alameda de Carril e o xardín de Carús, en Trabanca Badiña. Os traballos serviron para mellorar a imaxe estética destes espazos públicos e tamén para revalorizarán os interiores da Casa do Concello, da escola infantil municipal ou do edificio social Doutor Carús.

Tanto os alumnos do módulo de carpintería como os de xardinería combinaron clases teóricas con sesións prácticas que se desenvolveron tanto nas aulas e talleres da sede da Escola Obradoiro, como nas rúas de Vilagarcía. Con estes traballos tiveron a oportunidade de familiarizarse coa diversa maquinaria específica que empregan carpinteiros e xardineiros e as variadas técnicas de traballo, a efectos de contar con experiencia de cara a acceder a un posto de traballo no futuro.

Entrega de diplomas

O Obradoiro de Emprego Vista Alegre II contou cunha subvención de 195.000 euros da Consellería de Traballo e Benestar aos que hai que engadir a correspondente achega municipal. Os alumnos aínda regresarán mañá, mércores, ás instalación da Escola Obradoiro para participar no acto de entrega de diplomas ao que asistirán o alcalde, Tomás Fole, e a concelleira de Traballo e Benestar, Elena Suárez.

Coidadores creadores de webs e carpinteiros para o Obradoiro Vista Alegre III
No marco das políticas e acción que está a desenvolver a Concellería de Traballo e Benestar para loitar contra o desemprego, o Concello xa ten solicitado dende hai meses á Xunta de Galicia, a concesión dun novo Obradoiro de Emprego. O proxecto elaborado pola Concellería de Formación e Emprego está dirixido á formación de 45 desempregados maiores de 18 anos nas especialidades de Coidado de persoas con discapacidade, Confección e publicación de páxinas web e Carpintería e moble. A solicitude destes tres módulos faise tendo en conta os nichos de emprego existentes na zona e as necesidades municipais.

O desenvolvemento deste programa formativo e de reinserción laboral precisa unha subvención de 398.036 euros máis os 12.300 euros que achegará o Concello. De concederse a axuda, o Obradoiro de Emprego Vista Alegre III comezaría o vindeiro outono e tería unha duración de 6 meses. Os alumnos e tamén se contratarían baixo a modalidade de contrato para a formación e aprendizaxe.

15 de abril de 2014 | 19:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.