O Concello de Vilagarcía lembra a obriga de limpar fincas e solares para evitar incendios e mellorar a imaxe da cidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

Coa chegada da primavera o Concello volve a poñer en marcha a campaña de adecentamento de predios no casco urbano e zonas do rural. O alcalde, Tomás Fole, ven de publicar un novo bando para lembrar aos propietarios de fincas e solares a súa obriga de mantelos limpos co obxectivo de evitar riscos de incendios e problemas de salubridade, así como para ofrecer unha mellor imaxe da cidade.

No bando recóllese a normativa en vigor que si que odos os que sexan propietarios de terreos, construcións, edificios e instalacións teñen o deber de mantelos en condicións de funcionalidade, seguridade, salubridade, habitabilidade e ornato público, de realizar os traballos e obras precisos para conservalos, e de manter as condicións requiridas para o seu uso e destino. Os terreos, os predios e os seus peches deben manterse limpos de maleza, herbas ou desperdicios, para evitar posibles focos de olor e perigos de lume.

O alcalde prega a maior colaboración dos propietarios a efectos de que cumpran con este deber xa que coidando cada un do seu podemos entre todos facer diminuír o risco de incendios, que os contornos onde vivimos sexan máis agradables e non ofrezan perigo algún.

A Ordenanza actual contempla que o alcalde poderá ditar ordes que obriguen aos propietarios dos predios á súa limpeza. Quen non cumpra co seu deber cidadán exponse a multas coercitivas por contía de 300 a 6.000 euros, reiterables ata lograr a execución do ordenado.

14 de abril de 2014 | 13:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.