O Concello de Vilagarcía fará seguimento do cumprimento dos requirimentos de retirada de paraventos
Transcorrido o prazo dado polo Concello a 12 bares de diferentes puntos da cidade para que retirasen paraventos e lonas laterais colocados de xeito irregular nas súas terrazas en dominio público, o goberno local comunica que farase seguimento do grao de cumprimento das ordes ditadas pola Alcaldía durante os días festivos de Semana Santa e a fin de semana. Os informes resultantes abordaranse o luns, cando a administración local volva a funcionar, para analizar si houbo incidencias e adoptar as resolucións que correspondan. Tamén o luns continuará a tramitación dos proxectos presentados polo que non se descartan novas resolucións de detectarse a persistencia de máis casos de incumprimento da norma en canto a toldos e paraventos, e tamén respecto a outros aspectos como toldos ou terrazas.
Os 12 requirimentos notificados onte representan a primeira das medidas adoptadas pola Alcaldía despois da circular informativa remitida o 25 de febreiro a máis dun centenar de hostaleiros da cidade lembrándolles a normativa respecto a terrazas, toldos, paraventos e demais instalacións en solo de dominio público; os requisitos que deben cumprir para solicitar esta ocupación do chan e as repercusión de non respectar as normas, incluídas as sancións económicas.
Independentemente da tramitación deses proxectos e das solicitudes de licenza correspondentes, os hostaleiros deben retirar de forma inmediata os paraventos e lonas laterais colocados sen axustarse á lei e ata que obteñan o preceptivo permiso municipal aquelas que carezan del. As que aínda tendo licenza, terán instalacións irregulares por exceder os criterios establecidos no permiso, tamén deberán axustarse ao que pon o permiso. Entre os 12 establecementos requiridos onte hai casos dunha u outra situación.
Na circular, repartida hai mes e medio instábase aos propietarios de bares, cafeterías e locais de restauración a presentar toda a documentación para legalizar as situacións irregulares, tal como se tiña solicitado dende a Ahituvi. A asociación de hosteleiros foi quen plantou ao Concello nunha reunión conxunta a necesidade de realizar un maior control do cumprimento da normativa en materia de terrazas e de horarios debido á competencia desleal que están a facer os infractores en prexuízo dos hostaleiros que si cumpren as obrigas legais.
O goberno local considera que ningún hostaleiro debe sentirse sorprendido dado o tempo que se leva instándoos a cumprir a legalidade vixente e amosando unha flexibilidade máis que suficiente para tratar de non danar a un sector afectado pola crise. Cómpre lembrar que a problemática polas terrazas arrástrase dende o anterior mandado do goberno bipartito PSOE e BNG.
En canto aos 12 requirimentos emitidos en relación a paraventos e lonas laterais, os incumprimentos da orde emitida pola Alcaldía, suporá a execución forzosa da retirada dos elementos mediante a imposición de multas coercitivas e reiterables que, dependendo do tipo de infracción e da normativa aplicable en cada caso, as sancións poden ir de 1.000 a 10.000 euros ou comezar nun mínimo de 300.











