O Concello de Vilagarcía contrata a reparación dos danos causados polos temporais no CIRA e no Ramal
A Xunta Local de Goberno aprobou na última reunión a contratación das obras de reparación dos danos causados polos temporais do pasado inverno no Centro de Interpretación da Ría de Arousa (CIRA) e no edificio do centro socio comunitario do Ramal. O importe da contratación ascende a 32.000 euros, gasto para o que o Concello solicitou unha subvención ao abeiro da liña de axudas extraordinarias convocada polo goberno Estatal para paliar os danos dos temporais.
A obra de maior envergadura é a que se fará no centro socio comunitario do Ramal, onde os fortes ventos e choivas do inverno deterioraron moito o tellado polo que filtra auga. O Concello adxudicou a obra á empresa CCS que se encargará de arranxar a cuberta do centro. Os traballos consistirán na demolición da cuberta plana, instalación dunha cuberta non transitable impermeabilizada e grava, colocación dunha claraboia e limpeza dos canos de recollidas de pluviais a efectos de que alivien a choiva e non se acumule no tellado.
O CIRA tamén se veu afectado de xeito considerable polos sucesivos temporais que azoutaron a ría durante o inverno e que incidiron máis aínda neste edificio debido ao seu emprazamento ao borde do mar. Neste caso os traballos a levar a cabo centraranse na zona do lucernario ou miradoiro acristalado que asoma sobre a Ría. A actuación consistirá na substitución de cristais rotos polo efecto do vento e o reforzo dos elementos estruturais de aluminio do lucernario. A obra adxudicouse á empresa Top Ventanas.











