O Concello de Vilagarcía consulta con lombera os criterios para a rehabilitación da “Cola de Serea”
A escultura “Cola de Serea” volverá ao seu emprazamento orixinal na explanada do Auditorio unha vez que se rehabilite a estrutura en base aos criterios que fixe o autor, César Lombera. O concelleiro de Servizos e Medio Ambiente, Jesús Longa, falou esta mañá co escultor que pasará polas instalacións municipais onde se garda a peza a efectos de examinala e determinar a actuación a levar a cabo. A obra retirouse de forma urxente da zona debido ao risco de que puidera caer e provocar danos persoais nunha zona moi transitada por nenos e peóns.
A escultura fabricada en aceiro cortén presentaba un grave deterioro na súa base, corroida pola acción da auga e da humidade. Ante esta situación o Servizo de Emerxencias decidiu actuar para evitar posibles riscos xa que a obra emprázase ao lado do parque infantil do Parque Miguel Hernández, do paseo e da explanada do Auditorio na que tamén xogan moitos nenos.
Tras a conversa desta mañá, acordouse que o autor acuda o luns ao Concello para avaliar o estado da “Cola de Serea”. As actuacións que aconselle, serán posteriormente valoradas para coñecer o custe da rehabilitación. A intención do goberno local é que a escultura poida devolverse canto antes ao seu emprazamento con todas as garantías de seguridade, dado que trátase dunha obra representativa do patrimonio local adquirida no seu día polo Concello. A “Cola de Serea” instalouse tras a inauguración do Auditorio, no ano 2003.
Esta non é aúnica obra de Lombera coa que conta Vilagarcía. No Parque do Cavadelo tamén se atopa o “Adeus”, unha escultura dedicada ás “viúva dos vivos”, ás mulleres que quedaron soas en Galicia cos seus fillos cando os seus homes emigraban á América en busca dun futuro máis prometedor do que tiñan na súa terra.
O actual goberno local tamén recuperou hai uns anos o “O Adeus” xa que a escultura levaba anos gardada debido aos desperfectos sufridos polos vándalos e a problemas de estabilidade na plataforma que a sustentaba.











