O Concello de Teo organiza unhas xornadas sobre a interrupción voluntaria do embarazo
O Concello de Teo a través do Departamento de Benestar organiza unhas xornadas sobre a interrupción voluntaria do embarazo (IVE) e os cambios lexislativos sobre este tema. Ignacio Iglesias, edil de Benestar destaca que con esta acción “queremos situar á sociedade de Teo fronte a unha problemática que nos pode afectar en meses, e articular unha resposta que garanta que as mulleres máis desfavorecidas non se atopen desprotexidas nos seus dereitos”.
O mércores 9 de abril ás 20:00 horas no salón de plenos proxectarase a película “El secreto de Vera Drake” en colaboración co Cineclube de Teo. Mais será o xoves cando haxa máis tempo para o debate cunha mesa redonda ás 20:00 horas tamén na Casa do Concello. Nesta charla participan Ana Arellano, veterana activista do feminismo galego, que nestes momentos dirixe a revista galega de pensamento feminino Andaina; Celia Balboa, xurista de amplia experiencia en temas relacionados coa visión xurídica do feminismo e unha doutora que nos falará, entre outras cousas, da práctica médica do aborto.
Precisamente con esta actividade Benestar pretende facer un achegamente á realidade da interrupción voluntaria do embarazo dende o punto de vista legal, médico e tamén da perspectiva histórica. Iglesias destaca que “a regulación sobre o aborto nas últimas décadas fixo que problemas relacionados co esto fosen desparecendo”. Mais neste momento enfrontámonos cun cambio lexislativo “e queremos comprender a profundidade e repercusión da reforma lexislativa sobre o aborto” destaca o concelleiro. A visión médica tamén se considerou imprescindible para ter unha visión de conxunto deste tema xa que a interrupción voluntaria do embarazo é unha práctica médica, cuns riscos inherentes que se poden ver incrementados se esta non se practica nas condicións óptimas.
O Concello habilita un servizo de canguraxe que funcionará durante as xornadas para que as persoas con responsabilidades familiares poidan deixar aos cativos/as nas intalacións da escola infantil da Ramallosa. Para facer uso deste servizo hai que chamar ao 981 809 707 e anotarse.











