O Concello de Teo organiza a ‘II exposición Libros de Aquí’ na que se recoñece o traballo de autores do municipio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTeo
A-
A+

O Departamento de Cultura do Concello de Teo presenta unha proposta para o mes de abril no que destaca unha nova edición da exposición Libros do aquí. Trátase dunha mostra que ten como particularidade que recoñece a autores e autoras que son naturais de Teo ou residen aquí e que se fixo o ano pasado por primeira vez. A mostra inaugúrase o 23 de abril coincidindo co día do libro e permanecerá durante un mes na Mediateca do Grilo, en Cacheiras. O horario de visita será de 10:30 ás 13:30 e de 16:30 a 20:30 horas.

A responsable desta iniciativa, a concelleira Carme Hermida, explica que nesta edición “expoñerase o traballo bibliográfico de 14 teenses, 8 homes e 6 mulleres”. Destaca que “o ámbito de traballo, e polo tanto a temática das obras expostas, é moi variado polo que conviven obras de creación literaria –caso das realizadas por Xosé Durán, Lita Rivas ou Xoán Xosé Abella- con aquelas consecuencia da investigación máis académica –como as de Eugenia López de Silanes, Fernando Acuña Castroviejo ou Rocío Botana”. A edil de Cultura tamén adianta que aínda quedan autores para máis edicións desta mesma mostra.

Durante o mes de abril outra cita para a cultura será a estrea en Teo da nova montaxe da compañía residente no Concello Chévere, que leva por título Ultranoite no País dos Ananos. Chévere vén de recibir varios premios María Casares pola obra Eurozone que presentou o ano pasado en Teo. Esta nova peza, con referencias ó formato da Ultranoite no seu vinte aniversario, poderase ver en Teo os días 25, 26 e 30 de abril e o 1, 2, 3, 9 e 10 de maio. As representacións son sempre ás 23:00 horas e as entradas pódense mercar xa en redenasa.tv.

Pero antes destas citas de fin de mes este mesmo venres teremos teatro na Ramallosa. O 11 de abril preséntase en Teo o espectáculo Amor Flexible, con Mela Casal. A función comeza ás 21:00 horas e as entradas que se poden mercar no propio Centro Sociocultural da Ramallosa dende unha hora antes teñen un custe de 8 euros. Amor Flexible é unha comedia de enredo, da compañía Redrum Teatro, que fala das relacións de parella a través dos sete pecados capitais.

E o mes de abril en Teo tamén conta con citas fixas teenses como o roteiro da Batalla de Cacheiras que realizarán alumnos/as dos institutos de Teo e Carral o propio 23 de abril. En relación con este acontecemento histórico o sábado 19 represéntase a obra de teatro “Abril de lume e ferro”, da obra de Manuel María sobre a Batalla de Cacheiras e os Mártires de Carral. A función comezará ás 21:00 horas no Auditorio da Ramallosa e a entrada é de balde.

Por outra banda o venres 18 Talía Teatro presenta na Mediateca do Grilo o contacontos Mundos contados dende as 18:00 horas.

E ademais de teatro haberá música neste mes xa que a Banda de música cultural de teo organiza o XIV Festival de Bandas no que participan a Banda Recreativa e Cultural de Bandeira, a Banda de Santa Cruz de Rivadulla e a Banda de Teo. Será o domingo 20 no CSC da Ramallosa dende as 17:30 horas.

9 de abril de 2014 | 20:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.