O Concello de Teo aproba o plan de sectorización do polígono da Ramallosa
O Concello de Teo vén de aprobar de xeito inicial o Plan de Sectorización do sector I do SUND 12 (área mixta terciario/industrial de Porto Ameneiro), que en termos prácticos é o deseño urbanístico do terreo destinado ao polígono industrial da Ramallosa, unha superficie de máis de 100.000 metros cadrados.
Con esta aprobación ábrese un prazo de exposición pública do expediente dun mes, que contará dende a publicación do anuncio no DOG. A documentación xa se pode consultar na Casa do Concello en horario de mañá de 08:00 a 15:00 horas, xa que durante este período pódense presentar alegacións.
O plan de sectorización do polígono, redactado pola empresa Idom, é un documento no que se determina a ordenación urbanística para a transformación dos terreos como solo industrial. Entre outros aspectos concrétanse as infraestruturas viarias e os sistemas xerais e locais de espazos libres, a definición dos usos e as súas intensidades e a ordenación da edificación a construír no ámbito afectado polo citado plan.
Dentro da tramitación do documento estase realizando a comunicación da súa aprobación inicial aos Concellos limítrofes, aos trinta propietarios das 43 parcelas afectadas así como as solicitudes dos informes sectoriais previstos pola lexislación.
Modificación PXOM
Por outra banda no Concello de Teo tamén se pode consultar xa a documentación relativa á modificación puntual do PXOM de Teo no que afecta aos usos do solo rústico, aprobado no pleno do mes de marzo. Esta exposición pública, durante a que tamén se poden presentar alegacións, é de dous meses dende a publicación do anuncio no DOG, previsto para os próximos días.











