O Concello de Soutomaior remata a limpeza das praias de Arcade, A Xunqueira e Veiguiña Longa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSoutomaior
A-
A+

As praias do Concello de  Soutomaior xa están preparadas para a próxima Semana Santa. Tras unhas primeiras xornadas primaverais, o Concello de Soutomaior prepara xa a chegada do bo tempo. Para iso, persoal de limpeza municipal levou a cabo esta semana pasada unha campaña de limpeza nos areais de Arcade e nas praias fluviais da Xunqueira e Veiguiña Longa.

Tras un duro inverno que azoutou Galicia durante meses, e no que houbo até sete ciclogénesis explosivas, as praias do Concello de Soutomaior xa están preparadas para o primeiro período vacacional do ano. Cunha campaña de limpeza , operarios do Concello de Soutomaior retiraron esta semana os restos e sedimentos depositados polo mar durante o inverno. Principalmente artes de pesca abandonados, latas, bolsas e gran cantidade de residuos vexetais como algas e anacos de madeira. Os traballos non foron fáciles xa que moitos destes depósitos xa se atopaban semienterrados pola acción das mareas.

Na canle do río Verdugo, onde se asintan as praias fluviais da Xunqueira e Veiguiña Longa, a brigada municipal procedeu á recollida do material orgánico arrastrado polo río durante as abundantes choivas dos últimos meses. As abundantes do pasado inverno deixaron as súas beiras repletas de restos de árbores e follas que impedían o pleno goce da contorna. O alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, expresou a súa satisfacción ante a efectividade e prontitude dos traballos e indicou que estas actuacións se repetirán nos próximos meses coa intención de manter o bo estado das áreas recreativas durante o período estival,”Continuaremos executando cantas actuacións sexan necesarias para a limpeza e acondicionamento das praias de Soutomaior para que os cidadáns, así como os visitantes, poidan gozar delas nas mellores condicións”, afirmou o edil.

Estas actuacións confirman a aposta do goberno local na importancia das áreas recreativas municipais, e a súa incidencia na calidade de vida da comunidade, e súmanse ás xa realizadas durante anos anteriores como a rexeneración das praias con area ou as melloras na seguridade viaria na estrada de Comboa  e os accesos á Veiguiña Longa.

8 de abril de 2014 | 19:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.