O Concello de Pontevedra continuará mellorando a praia de Ponte Sampaio sen tocar o campo de fútbol
O Concello de Pontevedra mantén a súa intención de facer melloras importantes na praia fluvial de Ponte Sampaio, un dos lugares de referencia da parroquia, polo económico polo turismo de verán e tamén espazo sentido por todos os veciños.
Co propósito de mellorar a praia e gañar espazo público, o Concello propuxo aos usuarios do campo de fútbol a posibilidade de eliminar o muro lindante coa praia (exemplo de feísmo), así como a grada para gañar espazo para a praia e mellorar o seu aspecto xeral, ademais de complementar o espazo con máis servizos para o areal.
Antes de tomar decisión algunha e solicitar orzamento de todo o custe das obras, e dada a situación de alegalidade na que se atopa o campo de fútbol –dentro do espazo marítimo-terrestre titularidade de Costas-, fíxose unha consulta telefónica con Costas que negou a posibilidade de construír unha nova grada.
Ante esta decisión así como a negativa dos usuarios do campo de fútbol, o Concello mantén a súa intención de seguir mellorando a praia fluvial e as súas instalacións, se ben o proxecto non será tan ambicioso como inicialmente se pretendía polo Concello.











