O Concello de Ponte Caldelas concede licenza para reparar o valado das obras do balneario

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte Caldelas
A-
A+

A Xunta de Goberno Local de Ponte Caldelas concedeu a pasada semana licencia para realizar os traballos de reparación do valado exterior das obras do antigo balneario de Ponte Caldelas, de acordo coa solicitude tramitada pola Sociedade de Xestión de Activos procedentes de Restructuración Bancaria, S.A. (SAREB), actual propietaria dos terreos, a través da empresa que realizará os traballos.

Estes traballos realízanse a requirimento do Concello de Ponte Caldelas que advertiu á propiedade do perigo que entrañaba para a seguridade dos transeúntes manter en estado ruinoso o peche perimetral das obras de construción do balneario.

Así se procederá en breve a reparar o valo existente de chapa galvanizada, cambiando os elementos que se atopan danados e completando os desaparecidos até reforzar o peche até unha altura aproximada de 2 metros. Tamén levará a cabo ao peche perimetral, en lugares onde non existía, con malla simple torsión plastificada de 2 metros de alto e postes cada 2,5 metros aproximadamente no resto das zonas, cunha porta peonil con fechadura para o acceso á mesma.

Hai que lembrar que a extinta Caixa Galicia executou a hipoteca sobre o inmoble do antigo Balneario, facéndose así coa propiedade do inmoble. Posteriormente dentro do proceso de reestruturación bancaria estes terreos pasaron a ser propiedade do coñecido como “banco malo”: a SAREB.

XESTIÓNS DO ALCALDE ANTE INSTITUCIÓNS E O CLÚSTER DE TERMALISMO

O alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, está a levar a cabo desde o pasado verán unha serie de contactos e entrevistas con representantes de distintas institucións e empresas. Así o Alcalde mantivo reunións coa Secretaria Xeral de Turismo da Xunta de Galicia Nava Castro, ademais de co Presidente da Deputación Provincial Rafael Louzán co obxectivo de que poidan dar a coñecer este potencial investimento nos distintos encontros e foros que manteñen con empresarios do sector turístico dentro das relacións que tanto Turismo Rías Baixas como a propia Secretaria Xeral de Turismo manteñen periodicamente.

Doutra banda, Perfecto Rodríguez tamén mantivo varias entrevistas con profesionais do sector termal agrupados no Clúster de Termalismo de Galicia, empresarios hostaleiros e construtores para darlles a coñecer este proxecto e telo en conta cando panifiquen futuros investimentos. Todos lle manifestaron que o proxecto é interesante pero que nestes momentos hai dificultade para conseguir financiamento para un investimento así.

A idea do Alcalde é dar a coñecer tamén este proxecto a empresarios galegos residentes en países como México e Brasil, que teñen vinculación con Ponte Caldelas, para presentarlles esta iniciativa e animarlles a emprender, en solitario ou en sociedade con outros investidores.

A impresión recollida no seu día polo rexedor de Ponche Caldeas é que hai unha moi boa disposición no SAREB para facilitar a venda do inmoble nunhas condicións económicas moi distintas ás inicialmente previstas e que resultan máis acordes co mercado e o momento no que estamos.

Perfecto Rodríguez mantén viva a esperanza de que investidores poidan interesarse por retomar este proxecto xa que, desde a chegada do Goberno de Núñez Feijoo, conta con todo tipo de licenzas e autorizacións en regra para que poida converterse nunha realidade. De feito a obra iniciada ten a licenza en vigor.

UNHA OPCIÓN MOI COMPETITIVA PARA O TURISMO TERMAL E DE CONGRESOS

O turismo termal está en auxe porque é un turismo non estacionario que dura todo o ano. A diferenza doutros balnearios existentes na provincia ou en Ourense, o Balneario de Ponte Caldelas tería varias vantaxes: dispón dunha situación geoestratégica ideal, a 30 minutos de Vigo e 20 do Ifevi, e 15 de Pontevedra e a súa oferta feiral e turística; a proximidade á propia vila de Ponte Caldelas, conectado co paseo fluvial, co centro urbano, permite gozar das paraxes tranquilas da súa localización e ao mesmo tempo complementalo coa gastronomía e a oferta hostaleira local e do encanto do comercio tradicional de proximidade. Todo iso faría deste proxecto moi interesante con visos de alcanzar a viabilidade desde o punto de vista económico.

Por outra banda, o balneario de Ponte Caldelas conta cos beneficios terapéuticos propios das características das súas augas sulfurado-sódicas moi indicadas para doenzas de pel, etc, que xa foron premiadas a principio do Século XX na Exposición Universal de París de 1900. Dispón de declaración de “augas mineromedicinales” desde a Real Orde do Ministerio de Fomento de 28 de xuño de 1888 (BOP do 16 de xullo).

UN DESEÑO PROXECTADO POR UN PRESTIXIOSO ESTUDO DE ARQUITECTURA

Finalmente, o proxecto construtivo deseñado polo prestixioso estudo de Arquitectura A-Cero, do arquitecto Joaquín Torres, sería un atractivo máis xa que se trata dun deseño cunha construción perfectamente integrada na paisaxe e na contorna natural facendo que todas e cada unha das habitacións proxectadas facilitasen a tranquilidade e o descanso que o usuario busca neste tipo de establecementos, contando en todas e cada unha das estancias co río como fachada e vista principal do hóspede.

O proxecto compartimenta en volumes construtivos a obra co fin de minimizar o impacto visual e facer máis agradable á o vista a totalidade do inmoble. Así mesmo, as alturas están reducidas no posible para non desentonar co medio no que se sitúa onde as árbores do río Verdugo xogan un protagonismo especial para evitar romper a sensación de paz e tranquilidade que transmite a propia paisaxe.

11 de abril de 2014 | 19:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.