O Concello de Poio dá a coñecer as bases para participar na Festa dos Maios
A Concellaría de Cultura de Poio mantivo onte unha reunión cos colectivos e asociacións participantes na Festa dos Maios, onde se revisaron as bases que rexerán o concurso dos maios desta edición. As bases foron aprobadas na comisión informativa de cultura celebrada esta mañá.
Estas bases recollen a vontade conxunta de concello e asociacións é continuar a manter unha das tradicións populares máis vivas do noso municipio consonte á tradición e aos cánones singulares e distintivos da nosa zona.
No tocante aos premios, manterase o mesmo importe que en anteriores edicións, tanto na aportación que reciben os maios por actuación (150 € e dúas roscas), como en todas as categorías dos premios.
O prazo de inscrición abrirase do 22 de abril ao 29 de abril antes das 14:00 horas.
A festa dos maios terá lugar o xoves 1 de maio, a partir das 11 h. na Praza do Mosteiro de San Xoán. Cada colectivo participante recibirá 150 € e dúas roscas pola súa participación, e entrará a concurso nas categorías de mellor maio, mellor conxunto, mellores coplas, mellor interpretación, mellor coroa e mellor barco tradicional, para as que haberá primeiro, segundo e terceiro premio.
Xa pola tarde a Festa dos Maios continúa en Combarro a partir das 17:30 h. Comezará coa música tradicional e ás 18 h comezarán as actuacións dos maios na Praza de Chousa.
Anímase a toda a veciñanza a asistir unha das celebracións máis antigas da nosa cultura popular, e tamén unha das máis fermosas, coa que recibimos a entrada da primavera. Unha festa de unión e convivencia onde participan maiores, mozos e sobre todo os cativos, pasando a sabedoría popular a través das xeracións e conservando e enriquecendo así a nosa tradición.
BASES CONCURSO DOS MAIOS 2014
Poderán participar todos os grupos, asociacións, colectivos, centros escolares etc. que formalicen a súa inscrición nas oficinas municipais desde o 22 de abril ao 29 de abril antes das 14:00 horas.
Un membro de cada un dos participantes deberá asistir ás reunións que para o efecto sexan convocadas polo Concello de Poio.
No momento da inscrición deberán presentar once copias das coplas e na instancia facer constar nome, enderezo e teléfono de contacto / correo-e da persoa representante.
Polo feito de participar, cada maio recibirá dúas roscas e 150 euros.
Os maios participantes deberán estar no recinto antes das 11:00 horas do día 1de maio para a súa inspección polo xurado; aqueles participantes que non estean presentes antes da hora indicada quedarán descualificados.
A orde de actuación dos maios realizarase por sorteo nunha reunión cos representantes dos participantes.
A entrega de premios farase ao remate das actuacións, despois de que o xurado faga entrega do fallo do concurso, que será inapelable.
O Acto da Festa dos Maios terá a seguinte orde de actuación:
1. Actuación GRUPO FOLCLÓRICO
2. ACTUACIÓN DOS MAIOS
3. Actuación GRUPO DE MÚSICA TRADICIONAL
4. ENTREGA DE PREMIOS
O XURADO
O xurado estará formado polos membros da Comisión de Cultura do Concello de Poio ou polos representantes designados por dita Comisión en número total de cinco, mantendo a proporcionalidade seguinte: 2 representantes do BNG, 2 representantes do PP, 1 representante do PSOE.
O sistema de puntuación será o seguinte para cada modalidade do concurso:
a)Cada membro do xurado deberá puntuar cada maio cunha nota do 1 ao 10.
b) a puntuación total será a obtida da división efectuada entre a suma do total puntuado e a suma do número de membros do xurado que puntúan en cada caso.
c) Non se contabilizará a “puntuación igual a cero”.
d) Non se contabilizará a “non puntuación”.
e) de producírense estes últimos casos, o número de membros do xurado que actúa como divisor minorará na mesma contía que a número de “non puntuacións” ou “puntuacións igual a cero”.
f) As puntuacións realizáranse nunha grella proporcionada para o efecto que será entregada á secretaria do xurado ao remate das actuacións de todos os maios concursantes.
CARACTERÍSTICAS
O xurado, para conceder os distintos premios, terá en conta as seguintes características:
a) O armazón non terá estrutura metálica aínda que se permiten os aros de barril.
b) Deberá estar atado con vimbias ou similar e non poderá levar rexinllas de plástico nin redes.
c) O emprego de produtos tradicionais na confección e armazón dos maios: fiúncho, laranxas, ovos de galiña, flores silvestres propias da zona e empregadas tradicionalmente nos maios, no seu estado natural.
d) O emprego de instrumentos de acompañamento típicos: palitroques ou entullos.
e) A calidade das coplas, que deberán ter a seguinte composición: estrofas de catro versos de 7 ou 8 sílabas, rimando a 2ª coa 4ª.
f) A entoación, o son do cantar e a actuación do conxunto.
g) Cada maio poderá participar cunha soa coroa, que deberá estar colocada cando menos durante a actuación do Maio.
h) A utilización dos materiais para confeccionar a estrutura da coroa será libre. O tamaño da coroa gardará proporción co maio, non podendo superalo en altura.
i) A decoración da estrutura da coroa será con flores e follas naturais, silvestres e da tempada.
i) Na actuación de cada maio serán interpretadas CATRO estrofas.
j)Só se aceptará a presentación dun barco por cada maio participante.
k) Os barcos deberán ser do tipo tradicional galego.











