O Concello de Ourense aproba a ordenación das ofertas para rematar o Centro de Coñecemento de La Molinera

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

O remate das obras de construción do Centro de Coñecemento La Molinera deu un paso adiante esta mañá coa aprobación, por parte da Xunta de Goberno Local, da ordenación das ofertas presentadas ao concurso convocado polo Concello para contratar as obras que permitirán completar a construción deste equipamento municipal.

Unha vez avaliadas as propostas das 4 empresas presentadas, Obras y Servicios Gómez Crespo, S.L. obtivo a mellor valoración, de acordo cos criterios fixados no prego de condicións. Por este motivo, a Xunta de Goberno acorda requirir a esta empresa a que no prazo de 10 días achegue a documentación precisa para completar a adxudicación das obras, que teñen un orzamento de 320.000 euros.

As obras de construción do Centro de Coñecemento foran adxudicadas por concurso a Construcciones Gamallo, por acordo da Xunta de Goberno Local de 8 de novembro de 2011, por 1.098,506,20 euros, cun prazo de execución que remataba o 10 de novembro de 2012. A empresa ofertara unhas melloras valoradas en 121.365,65 euros. Posteriormente, a empresa sufriu dificultades económicas que lle impediron rematar as obras, que abandonou antes de rematar, e entrou en concurso de acredores.

O Concello de Ourense aprobou no ano 2013 este novo proxecto, cun orzamento de 320.000 euros, que inclúe a totalidade das obras pendentes de executar que son precisas para a entrada en funcionamento deste novo equipamento, no contorno do Ben de Interese Cultural das Burgas, chamado a achegar as novas tecnoloxías aos veciños da cidade.

Porá á disposición dos cidadáns un conxunto de espazos orientados á produción, investigación e difusión da cultura dixital e do ámbito de confluencia entre arte, ciencia, tecnoloxía e sociedade.

Construído co apoio do Plan Avanza do Ministerio de Industria, contará con servizos como sala de ordenadores de uso social con 36 postos, obradoiros de Impresión 3D, Audio, Electrónica, Vídeo, Área de Co-working, auditorio e laboratorio de Emisión Audiovisual a través de Internet (“streaming”).

Sanción a Ecourense

Na mesma sesión, a Xunta Local acordou incoar expediente para esixir, no seu caso, un posible reintegro de pagos indebidos a ECOURENSE UTE, empresa concesionaria do contrato de limpeza pública urbana, transporte e recollida de residuos sólidos urbanos, por non aplicar determinados medios persoais na execución do contrato de limpeza pública urbana e recollida e transporte de residuos sólidos urbanos, por importe de 296.214,34 €.

Tamén aprobou incoar a ECOURENSE UTE, expediente sancionador pola posible comisión de faltas moi graves (art. 20 letra l) do prego de cláusulas administrativas, en relación co art. 73 do prego de prescricións técnicas xa que se observa que o día 14 de marzo, sobre as 8:00 horas, vehículo de ECOURENSE UTE capta auga tratada para o uso na vía pública sen autorización na Avenida de Pontevedra e que o día 17 de marzo, sobre as 11:00 horas, unha baldeadora de ECOURENSE UTE capta auga tratada para o uso na vía pública sen autorización na rúa Lagoas, esquina rúa Trabazos, podendo ser sancionado con multa de 30.001,00 € a 300.000,00 € ou rescinsión do contrato.

No acordo, se concede a ECOURENSE UTE, previamente á resolución que proceda, un prazo de 10 días hábiles para que alegue o que ao seu dereito conveña e aporte cantos documentos e xustificacións estime pertinentes.

16 de abril de 2014 | 17:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.