O Concello de Ourense apoiará a actividade das asociacións de benestar social con axudas dotadas con 325.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobou na súa xuntanza desta mañá as bases reguladoras e convocatoria de subvencións a asociacións e entidades sen ánimo de lucro que desenvolven o seu labor no eido do benestar social na cidade. O Concello de Ourense destinará unha achega de 325.000 euros a esta convocatoria de axudas, que se adxudicarán en réxime de concorrencia competitiva.

A convocatoria ten como obxectivo fomentar a realización de actividades no eido dos servizos sociais que promovan as asociacións e entidades sen ánimo de lucro e que podan ser consideradas de interese social. As actividades deberán ir dirixidas de xeito prioritario a persoas e colectivos en situación de vulnerabilidade social.  Serán obxecto das subvencións proxectos e accións que teñan por finalidade e fomento de actividades de utilidade pública e interese social ou de promoción social.

As solicitudes presentaranse por Rexistro Xeral do Concello no prazo dun mes dende a publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia. As entidades solicitantes deberán presentar unha descrición do proxecto e detalle de accións a realizar, concretando obxectivos, estimación de beneficiarios, datas e lugar de celebración, recursos humanos e orzamento, entre outros datos.

As solicitudes valoraranse tendo en conta o interese xeral da actividade no ámbito municipal, a incidencia da actividade, que as accións obxecto de subvención teñan prolongación no tempo, e recursos humanos aplicados á acción ou actividade.

Axudas para o novo curso escolar

O Concello de Ourense volverá dar apoio ás familias ourensás con escasos recursos económicos para próximo curso escolar 2014/2015. A Xunta de Goberno Local aprobou, tamén esta mañá, as bases e a convocatoria das axudas, que darán apoio á adquisición de libros de texto e material escolar para alumnado de Educación Infantil e para sufragar o servizo de comedor para escolares de Infantil, Primaria ou Secundaria Obrigatoria, que estude en centros públicos ou concertados.

A convocatoria dá continuidade ás axudas que a Concellería de Benestar Social concede cada ano ás familias ourensás. As solicitantes deberán estar empadroadas no Concello de Ourense, ter nenos ou nenas matriculados en centros de Educación Infantil (no caso das axudas para libros e material escolar) ou matriculados en Infantil, Primaria ou Secundaria Obrigatoria no caso de comedor escolar.

As familias non deberán superar 3.500 euros de renda per capita anual. Computarase un membro máis no caso de presentar algún deles unha discapacidade igual ou superior ao 33% e tamén no caso de ser familia monoparental (a constituída por unha soa persoa proxenitora/titora con quen convive o neno ou nena e que é a única sustentadora da familia). As solicitudes presentaranse por Rexistro Xeral durante un prazo de 15 días a contar dende a publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia.

As axudas para libros e material escolar serán de 90 euros por escolar de 1º de Infantil (3 anos), de 110 euros para os de 2º de Infantil e de 125 euros para os de 3º de Infantil. No caso das axudas para comedor, as axudas serán da totalidade do custe nos centros públicos e de 45 euros ao mes nos concertados.

Subvencións para actividades a prol da participación cidadá

Na mesma sesión, a Xunta de Goberno aprobou as bases de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para a realización de programas de actividades a prol do asociacionismo veciñal e a participación cidadá.

A convocatoria, que promove a Concellería de Participación Cidadá inclúe a organización de eventos, excursións, obradoiros ou conferencias, encamiñados á promoción, animación e relación das asociacións veciñais de ámbito local inscritas no rexistro de entidades cidadás do Concello de Ourense.

A convocatoria destas subvencións, orzamentadas nun total de 44.879 euros, responde ao obxectivo prioritario do Concello de Ourense de fomentar, consolidar e apoiar o asociacionismo veciñal e a participación cidadá.

Como criterios de avaliación, a concesión e contía das axudas atenderá a criterios como a calidade do proxecto, a viabilidade, a participación en programas da Concellería de Participación Cidadá, a realización de actividades en colaboración con outras AA.VV., o número de destinatarios e o emprego da lingua galega e da linguaxe non sexista.

As solicitudes deberán presentarse no Rexistro Xeral do Concello de Ourense, nun prazo de 20 días desde o día seguinte á publicación da convocatoria anual no Boletín Oficial da Provincia de Ourense.

3 de abril de 2014 | 18:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.