O Concello de Ourense acometerá melloras na Avenida da Habana, Ramón Cabanillas, Prado de Lonia, Xoán XXIII, Concello e C. Enríquez
O Concello de Ourense rehabilitará este ano o firme de senllos tramos da Avenida da Habana (comprendido entre Curros Enríquez e a Praza de Concepción e Arenal), e da rúa Ramón Cabanillas (entre Bedoia e a Avenida da Habana). As obras forman parte do proxecto redactado polo Servizo de Enxeñería Municipal, que tamén inclúe a realización de melloras puntuais do firme nas rúas Prado de Lonia, Xoán XXIII, Concello e Curros Enríquez.
A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobou na súa xuntanza desta mañá o expediente de contratación e o prego de cláusulas administrativas destas obras, que suporán un investimento de 111.487,44 euros, IVE incluido, por parte do Concello.
Na Avenida da Habana (tramo comprendido entre Curros Enríquez e Praza de Concepción Arenal) e na rúa Ramón Cabanillas (entre Bedoia e Habana), o pavimento está composto por unha capa de rodadura de adoquín granítico que se atopa en servizo dende hai máis de 15 anos.
Presenta na actualidade deficiencias que afectan á seguridade da circulación, á comodidade do usuario e á durabilidade do pavimento. Para corrixir as deficiencias observadas, plantéxase unha solución de rehabilitación de firme con recrecemento, solución que xa se adoptou no seu día para o primeiro tramo da Avenida da Habana rehabilitado, con moi bos resultados ata a data.
Na rúa Prado de Lonia, no seu primeiro tramo desde a estrada OU-536, é preciso acometer a reparación do firme na intersección coa rúa de acceso á Universidade, que fai precisa unha rehabilitación estructural desta zona do pavimento, que se incluirá nestas obras.
Pola súa banda, nas rúas Xoán XXIII, Concello (fronte á Subdelegación de Goberno) e Curros Enríquez, as paradas de autobús e zonas de carga e descarga, que foran executadas con pavimento de adoquín, teñen un mal estado de conservación, como consecuencia das accións do tráfico.
Así, repararanse estas zonas, tanto as paradas de autobuses coma as zonas de estacionamento, levantando o pavimento de taco existente, e reconstruindo a sección cun pavimento flexible.
As obras incluidas neste proxecto teñen un prazo de execución dun mes, cun prazo de garantía de 12 meses.











