O Concello de Negreira percibirá 192.000 euros da Deputación para a nova praza na rúa Teresa Fabeiro
Esta nova construción suporá un importante revulsivo para a calidade de vida dos veciños do entorno, así como de todo o concello, xa que incluirá, ademais dun parque infantil, unha ampla superficie para o esparexemento e o lecer. O obxectivo do Concello é celebrar nesta nova área feiras, actividades deportivas, infantís e toda clase de eventos que teñan lugar na localidade.
“Negreira a partir de agora xa terá un lugar no que celebrar as súas festas”, declarou hoxe o alcalde Juan José Rey Varela, durante a firma do convenio co presidente da Deputación, Diego Calvo. O rexedor agradeceu a contribución da institución provincial para o que será o primeiro espazo destas características do Concello.
Obras
A nova praza construirase no polígono das Brañas, xunto á rúa Teresa Fabeiro, e na súa ordenación diferenciaranse dúas zonas: por unha banda, o parque infantil, e por outra, un espazo polivalente pavimentado para diferentes funcións. Ademais, ao redor se pavimentarán sendas para pasear.
Os traballos incluirán a adecuación da parcela, as canalizacións, así como a construción de beirarrúas e zonas axardinadas, ademais de todo o mobiliario urbano que sexa preciso e o alumeado público.