O Concello de Neda reordeará o tráfico no entorno do centro de saúde para mellorar a seguridade
O concelleiro de Seguridade, José Manuel Gradaílle, anunciou a próxima reordenación do tráfico rodado no entorno do centro de saúde da vila. O plan contempla unha serie de medidas que o edil levou esta mañá a comisión para abordar cos grupos municipais con representación na corporación. Grupos que apoiaron a súa implantación, que se prevé sexa efectiva ao longo deste mes, tralos cambios necesarios en materia de sinalización vial. En todo caso, o obxectivo pasa por aumentar a seguridade de peóns e vehículos nunha zona de grande afluencia de tráfico rodado e, sobre todo, reducir o tránsito de coches no lugar cuxo destino non é nin o centro de saúde nin as vivendas, senón que toman algunha das vías como atallo.
Deste xeito, o Concello plantea manter o doble sentido de circulación entre o cruce do Coto e a intersección que vai ás Augas e, a partir deste punto, establecer sentido único en dirección ascendente cara o centro médico. Dende este ata o cruce da Muchiqueira modifícase a circulación do tramo, que pasa de ser de sentido único a doble. E, dende as instalacións médicas ata o cruce coa estrada da Mourela Baixa fíxase o doble sentido.











