O Concello de Neda executa a limpeza dun tramo do río Basteiro a petición veciñal
O concelleiro de Medio Ambiente, José Manuel Gradaílle, informou esta mañá da execución dos traballos de limpeza no río Basteiro. En concreto, nun tramo de 200 metros no cauce e nas marxes na zona coñecida como De las Aguas. Unha intervención que se realiza a instancias dos veciños residentes no lugar. Así, tal e como sinala o edil, a inusual cantidade de auga que este ano leva o río provocou a acumulación dunha importante cantidade de vexetación e xuncos que, á súa vez, motivou a proliferación de roedores. O concelleiro apuntou que os traballos realizados permitiron desratizar o lugar e, sobre todo, retirar a maleza para evitar que se repita a situación.











