O Concello de Neda colabora na formación dos estudantes do CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNeda
A-
A+

O alcalde, Ignacio Cabezón Lorenzo, e o director do CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro de Ferrol, Fernando López Uceira, suscribiron un convenio de colaboración que permitirá a alumnos deste centro educativo completar a súa formación no Concello mediante a realización de prácticas non profesionais. A concelleira de Promoción Turística, Montse Rico, explicou que grazas a esta relación de colaboración dous estudantes do ciclo de Turismo comezaron as súas respectivas becas na Casa da Cultura da localidade. Incorporáronse o pasado luns e realizarán tarefas relacionadas coa titulación que cursan por espazo de 384 horas. Un periodo que completarán o 13 de xuño.

Así, durante as primeiras semanas estarán estudando a documentación existente (folletos, planos, hostelería, rutas…) para, a continuación, poder prestar información e atención a turistas e peregrinos, tanto presencial como telefónicamente, así coma por email e correo ordinario. Non só facilitarán información sobre Neda senón tamén comarcal e de ámbito galego. E, ao final do seu periodo de prácticas, estarán ao fronte dunha visita guiada pola real vila.

Por último, a concelleira mostrou o compromiso do goberno local por continuar e fomentar esta liña de colaboración entre o Concello e o CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro, contribuíndo á formación de estudantes de últimos cursos.

2 de abril de 2014 | 17:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.