O Concello de Mos educa en intelixencia emocional aos pais dos cativos mosenses

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+

A cocellería mosense de Benestar Social que dirixe a edil Sara Cebreiro ven de organizar un obradoiro de intelixencia emocional para pais titulado “¿Pódense educar as emocións?”.

Segundo explicou a concelleira Sara Cebreiro, a idea surxiu durante un Consello Escolar das Escolas Infantís de Mos, no que a edil plantexou a posiblidade de realizar actividades para os pais e nais de alumnos/as. Neste primeiro taller, celebrado o sábado pasado, día 29 de marzo, abordáronse os sentimentos e emocións dos nenos nas idades máis temperás, logrando a iniciativa unha gran acollida cun total de 50 participantes entre pais e educadores.

Durante a actividade do sábado tamén se lles pasou ós asistentes un cuestionario sobre outros temas de interese para vindeiras sesións deste programa que celebrará encontros cunha periodicidade bimensual.

A primeira charla deste programa, ofrecida sábado 29 de marzo na Escola Infantil A Galiña Azul de Cototorrón, tivo unha duración de dúas horas, de 11.00 horas a 13.00 horas, e foi impartida pola psicopedagoga Luciana Maccio Pennisi.

Obradoiro “¿Pódense educar as emocións?”

O obradoiro “¿Pódense educar as emocións?” abordou a incertidume dos proxenitores ante os sentimentos dos seus fillos durante os primeiros anos de vida, cando son bebés ou nenos que aínda nin poden nin saben expresar con palabras o que senten. A maioría das veces os cativos expresan as súas emocións a través do choro, o berro, a rabecha, ou condutas que poden parecer agresivas. Nestes casos non resulta doado para os pais poñerse no lugar e á altura dos seus fillos. Incorporar a empatía e a intelixencia emocional nas relacións paterno e materno-filiais é o primeiro paso para entender ós pequenos. Por iso este taller ideouse como un espazo práctico de autocoñecemento e aprendizaxe para as familias no que se afondou de xeito vivencial o modo en que os nenos expresan as súas emocións, como manexalas e como influír positivamente sobre o xeito en que senten os fillos.

O vindeiro obradoiro para pais de alumnos das Escolas Infantís de Mos celebrarase dentro de dous meses na outra das Escola Infantís mosenses da Galiña Azul, sita na Porteliña.

1 de abril de 2014 | 13:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.