O concello de Monforte require aos propietarios a limpeza dos solares

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMonforte de Lemos
A-
A+

A concellería de Medio Ambiente iniciou no día de hoxe a distribución de cartas dirixidas a propietarios de solares que non reúnen as debidas condicións de limpeza.

Nas comunicacións infórmase ós e ás propietarios/as de solares sobre a obrigatoriedade de mantelos limpos e libres de residuos e maleza, en condicións de hixiene e ornato e seguridade en xeral.

O envío destas cartas realízase en base ós informes elaborados polos axentes de servizos á cidadanía sobre a situación dos solares no casco urbano, e segundo os datos de titularidade dos mesmos que figuran nas referencias catastrais.

O concello require ós/ás propietarios/as a limpeza dos citados solares no prazo máximo de dous meses advertindo que, no caso de non producirse, poderían ser sancionados/as con multas de entre 50 e 500 €, tal e como recolle a ordenanza municipal sobre fachadas, elementos construtivos e solares.

A concellería de Medio Ambiente, coa finalidade de evitar que o Concello se vexa na obriga de impoñer as citadas sancións, diríxese á cidadanía para recordarlle o cumprimento das obrigas respecto da limpeza e salubridade de solares e parcelas.

O Concello agarda a colaboración da cidadanía, en base ó interese común de que a cidade presente o mellor aspecto posible e se acaden unhas condicións óptimas de seguridade e salubridade.

24 de abril de 2014 | 11:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.