O Concello de Monforte pagará a extraordinaria a tódolos traballadores
A concelleira de Réxime interior, Mª Xosé Vega, comunicou ós representantes sindicais dos traballadores municipais que o Concello pagará a parte proporcional da paga extraordinaria de Nadal do 2012 a tódolos traballadores.
Vega Buján, nunha reunión da Mesa de Persoal celebrada no día de onte, manifestou que os 44 días da citada paga extraordinaria, suspendida polo Goberno do Estado no ano 2012 e reclamada polos traballadores, serán aboados a todos por igual.
O persoal laboral cobrará esa cantidade de maneira inmediata en virtude dunha sentenza xudicial que está afectando a tódolos traballadores dos concellos que tramitaron a oportuna reclamación, mentres que os funcionarios recibirán esa cantidade no derradeiro trimestre do ano actual, aínda que non exista sentenza xudicial.
A concelleira sinala que para este Concello “tódolos traballadores municipais son iguais e todos merecen percibir a parte proporcional da paga extra suprimida polo Goberno do Sr. Rajoy”.
Lembramos que o Goberno do Estado eliminara a paga extra de Nadal do ano 2012 mediante un decreto publicado a mediados de xullo dese ano, motivo polo que os traballadores decidiron reclamar a parte proporcional da citada paga que corresponde ós días anteriores a que o decreto entrase en vigor.











