O Concello de Monforte acometerá obras nos accesos a San Vicente co diñeiro da fianza
O Concello recibirá o diñeiro da fianza depositada pola empresa Construcciones Paraxe, responsable das obras dos accesos ó monte de San Vicente.
A entidade municipal incautara a fianza depositada pola empresa ó detectar diversos fallos no remate das obras. Unha vez transcurridos os prazos estipulados sen que a empresa reclamase a devolución da citada fianza, a entidade bancaria depositaria da mesma dirixiuse ó Concello solicitándolle un número de conta onde ingresala.
A contía desta fianza ascende a 19.009,49 €, diñeiro co que o Concello fará fronte ás reparacións referidas no informe do director da obra e que consisten básicamente na colocación do lastrado.
A obra levouse a cabo grazas a un convenio asinado entre o Concello de Monforte e o Ministerio de Fomento por un monto de 500.000 euros.
A execución destas obras supuxo o acondicionamento total dos accesos a San Vicente dende o Campo da Virxe, mellorando a rede de saneamento e realizando a condución soterrada da iluminación pública. A creación dunha praza na zona do Campo da Virxe, a construción dunha ampla beirarrúa de acceso na marxe dereita da subida, a dotación de farolas, bancos e papeleiras, a substitución de parte dos quita medos de formigón por outros de pedra, e a renovación das catro escaleiras de acceso a diferentes zonas do monte de San Vicente. Tamén se levou a cabo o asfaltado dun tramo da rúa e, noutros tramos, a substitución do aglomerado por lastros.
A pedra e os lastros de formigón e de cerámica foron os materiais máis empregados na realización destas obras.











