O Concello de Lugo pon en marcha o novo contrato do servizo público de autobuses urbanos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

O Concello de Lugo abriu hoxe o proceso para contratar a xestión do servizo público de transporte público colectivo de viaxeiros para a próxima década, segundo anunciou o Voceiro do Goberno local e Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, Luis Álvarez.

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá, tal como estaba previsto, os pregos para a contratación da xestión do servizo público de transporte, que incluirá a achega de medios humanos, técnicos e materiais, a instalación, posta en funcionamento, mantemento e reparación dos autobuses e demais elementos auxiliares, a xestión d ecobros, a xestión de publicidade e, en xeral, todos os que resulten precisos para a correcta execución do servizo contratado.

A duración do contrato será de dez anos con ata un máximo de cinco anos de prórroga. O prezo do contrato establécese en 2,30 euros por kilómetro, de maneira que se estima o presuposto da anualidade en 3.279.346 euros.

A contratación da xestión do servizo público de transporte regular de viaxeiros na modalidade de concesión adxudicarase por procedemento aberto e para garantir a presentación do maior número posible de empresas, o Concello publicitará esta convocatoria, pese a non ter a obriga de facelo, no Diario Oficial da Unión Europea.

Nos pregos aprobados hoxe establécense os requisitos técnicos e económicos da convocatoria, cos que o Concello trata de asegurar que Lugo teña un transporte urbano de calidade coas mellores condicións económicas para as arcas municipais.

Entre outras medidas, está prevista a renovación e ampliación da flota de autobuses, contémplase un servizo especial de buses que recorra o Casco histórico e tamén o reforzamento das liñas ó Hula, ós polígonos industriais, á zona rural e ó barrio da Ponte. Tamén se introducirán importantes melloras para facilitar información ós usuarios co uso de canles como a Internet ou a telefonía móbil.

Co inicio do contrato deberán renovarse dende o primeiro momento 10 autobuses e durante o segundo ano de concesión, a adxudicataria comprometerase a establecer un plan piloto de eficiencia enerxética, baseado na adquisición de, polo menos, un vehículo de fontes enerxéticas e emisións distintas que se poida utilizar como base para a toma de decisións na renovación da flota durante o período da concesión.

Para garantir a solvencia económica da concesión, as empresas deberán acreditar unha facturación de 4.000.000 de euros, pero tamén se facilita a posibilidade de que concorran pemes que poderán presentar as súas ofertas en alianza con outras empresas. Neste caso, é necesario que unha delas acredite ter unha facturación mínima de 2.000.000 de euros e alomenos un 25% de participación.

Tocante á solvencia técnica, o prego establece a esixencia de que as candidatas demostren que poden asumir o servizo alomenos nas actuais condicións, é dicir, deben acreditar a xestión dun servizo de transporte público urbano ou metropolitano de viaxeiros mediante autobuses que dea servizo a un mínimo de 2.000.000 viaxeiros/ano ou garantir 1.500.000 kilómetros percorridos/ano, cifras equivalentes ás do actual servizo de buses urbanos de Lugo.

Co fin de que se presenten o maior número de empresas, o Concello publicará o anuncio desta convocatoria, aínda que non está obrigado a facelo, no Diario Oficial da Unión Europea.

Plan de Mobilidade

O Voceiro do Goberno local tamén deu conta da aprobación, fóra da orde do día, como documento de traballo do Plan de Mobilidade, no que é necesario actualizar algúns aspectos referidos ó transporte urbano, coa inclusión de novas liñas como as do HULA, e, ademais, ten que estar adecuado ó PXOM que foi aprobado con posterioridade á presentación deste documento.

Supresión de licenzas

A Xunta de Goberno Local aprobou, ademais, esta mañá as directrices que rexerán o funcionamento municipal ante a desaparición das licenzas de instalación das actividades e o establecemento das comunicacións previas ó inicio das actividades económicas, empresariais, profesionais, industriais ou comerciais.

Con estas directrices, o Concello de Lugo poderá axilizar a creación de novas iniciativas empresariais durante o período ata que poida ser modificada a Ordenanza municipal, que deberá adaptarse a normativas pendentes de aprobación pola Xunta como són a Lei de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia e o Rexistro das entidades de certificación. 

2 de abril de 2014 | 19:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.