O Concello de Cedeira prepara a segunda edición de GalEco, a galería aberta ás Enerxías Renovables
O Concello de Cedeira, por boca do seu alcalde, Luis Rubido, anunciou esta mañá a súa intención de reeditar GalEco, Galería aberta ao mundo do Medio Ambiente e, máis concretamente, das Enerxías Renovables. Unha cita que se celebraba o pasado ano por primeira vez espertando un grande interese entre a cidadanía que, a pesares das adversas condicións climatolóxicas, respaldaba coa súa presenza o evento. E é que a participación cidadá é fundamental en GalEco, xa que o seu obxectivo non é outro máis que fomentar o uso das enerxías renovables a nivel doméstico, dando a coñecer os sistemas que veciños e veciñas teñen ao seu alcance, explicando o seu funcionamento e informando dos seus beneficios, tanto de carácter medioambiental como económico. Para isto, firmas comerciais especializadas amosarán ao público todo tipo de productos, dende placas solares para abastecer de enerxía a vivenda ata cociñas e caldeiras de biomasa.
Organizada polo Concello, Luis Rubido avanzou que GalEco regresará en xuño, o sábado 7 e o domingo 8. A avenida da Marina, no tramo que discorre entre as pontes vella e nova, albergará a cita en horario de mañá (de 11 a 14 horas) e de tarde (de 16 a 20 horas). A intención do Concello é dar conta en próximas datas dun completo programa de actividades paralelas á feira, como obradoiros para os máis pequenos da casa ou espazos expositivos.
GalEco nace do compromiso do goberno local coas enerxías renovables. Compromiso que ten acompañado á xestión municipal. Así, as actuacións máis recentes nesta materia teñen permitido levar a cabo a instalación de paneles solares no pavillón polideportivo municipal para a producción de auga quente para a piscina climatizada ou a sustitución da caldeira de gasoil por unha de biomasa na escola infantil municipal, así como a paulatina renovación das luminarias por outras de baixo consumo.
Con esta Galería aberta ás enerxías renovables, o goberno local de Cedeira dá un paso adiante e, á par que traballa para que a Administración local sexa un exemplo nesta materia, busca a implicación dos veciños para lograr que o uso de sistemas de eficiencia enerxética se convirta nunha realidade. Con ventaxas para o medio ambiente, pero tamén para a economía doméstica, posto que a inversión inicial, co prezo das fontes de enerxía tradicionais en continua subida, lógrase amortizar nun periodo de tempo máis que razoable.











