O Concello de Cangas súmase a inciativa ‘Taller de ideas’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangas
A-
A+

A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, da Consellería de Traballo e Benestar, en colaboración do Concello de Cangas, levou a cabo este venres unha xornada informativa na Casa da Xuventude enmarcada no programa Taller de ideas, que pretende promover entre a mocidade actividades de aprendizaxe non formal que lles permitan desenvolver as súas capacidades, creatividade e espírito emprendedor involucrándose na posta en marcha dos seus propios proxectos.

Unha técnico da Rede Galega de Dinamización Xuvenil ofreceu unha charla a representantes de asociacións xuvenís para asesorar e facilitar información a mozos e mozas que teñan previsto presentar propostas no marco do programa Iniciativa Xove (que financia ideas impulsadas por mozos e mozas con ata 4000€), ou noutros similares de participación xuvenil, e busquen mellorar as súas competencias e destrezas en canto a redacción e execución de proxectos.

 O seu obxectivo é a consolidación destes programas como elementos dinamizadores do tecido asociativo, impulsores de iniciativas innovadoras e elementos valiosos no currículo non formal da mocidade.

 Este tipo de obradoiros están dirixidos a mozos e mozas, animadores xuvenís, técnicos locais de emprego, axentes de desenvolvemento local, concelleiros/as de xuventude, asociacións xuvenís, grupos informais de mozos e mozas, e en xeral a calquera colectivo interesado en programas de participación xuvenil.

4 de abril de 2014 | 22:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.