O Concello de Cangas remata co proceso de selección de dous bolseiros para o servizo municipal de turismo
O Concello de Cangas rematou hoxe co proceso de selección para a concesión de dúas bolsas para diplomados, graduados en Turismo ou técnicos superiores en Información e Comercialización Turística para realización de prácticas nas oficinas municipais de turismo.
O proceso de selección contou con dúas fases, unha primeira onde valorouse os méritos académicos e o coñecemento de idiomas por parte dos candidatos e unha segunda fase de oposición consistente na realización dun exame tipo test de 30 preguntas sobre o patrimonio histórico e cultural de Cangas, a Semana Santa, as praias, os aloxamentos turísticos do municipio ou o Plan de Calidade Turística do Concello de Cangas entre outros asuntos. Coa celebración esta mañá da proba escrita no Salón de Plenos, ponse o punto e final ao proceso selectivo.
As bolsas terán unha duración de cinco meses repartidos en varios períodos: o primeiro do 11 o 20 de abril con motivo da celebración da Semana Santa, o segundo dende o 30 de abril ata o 16 de setembro coincidindo coa época estival na que se concentran a maior parte dos visitantes e por último do 6 ó 8 de decembro con motivo da ponte da Constitución.
A concelleira de Turismo Berta Pérez sinala que con esta iniciativa “refórzase o servizo municipal de turismo nas épocas de maior demanda” ademais de destacar que “nas oficinas municipais de turismo aténdese a centos de persoas ao longo de todo ano, asesorando ao visitante que recala en Cangas para que goce do noso enorme patrimonio histórico, artístico, cultural e gastronómico” conclúe.











