O Concello de Cangas adxudica á empresa Covsa as obras de pavimentación dos camiños de Nerga

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangas
A-
A+

O pasado venres día 4 de abril celebrouse no concello de Cangas a mesa de contratación para a realización das obras de pavimentación e mellora dos camiños de Nerga.

Para a adxudicación deste proxecto, que contempla actuacións de pavimentación nas rúas Bouza Vella, Lapiña, Xoán Piñeiro e Garita, presentáronse catro empresas (COVSA, NAROM SL, CALDEVERGAZO E CIVIS GLOBAL).

Unha vez analizada a documentación presentada polas empresa candidatas coa apertura do “Sobre A” procedeuse á apertura do “Sobre B” que contén a oferta económica de cada unha das empresas.

Tras avaliar os puntos obtidos en función do prazo de execución, o prezo e a garantía de cada unha das ofertas, a mesa de contratación por unanimidade dos seus membros decidiu adxudicar o proxecto “Pavimentación parroquia de Nerga” á empresa COVSA. Esta decisión foi corroborada onte durante a Xunta de Goberno Local.

Antes de proceder á firma do contrato a empresa adxudicataria deberá, como requisito imprescindible, constituír unha garantía por importe do 5% do valor do contrato adxudicado.

O investimento necesario para a realización deste proxecto é de máis de 60 mil euros, que serán sufragados na súa maior parte grazas a unha axuda concedida pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, pertencente á Consellería de Medio Rural.  A parte correspondente ao IVE será asumida polo Concello.

8 de abril de 2014 | 19:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.