O Concello de Cangas acondicionará a “Casa da Aldea de Nerga”

Acondicionamento da “Casa da Aldea de Nerga”
O concello de Cangas ven de realizar un anteproxecto para a restauración e acondicionamento da coñecida coma “Casa da Aldea” ubicada na zona da Garita (Nerga). Coas actuacións que se realizarán nesta edificación, adquirida polo concello no 2001, preténdese poñer en valor un equipamento municipal que actualmente está en desuso satisfacendo unha demanda tradicional por parte da veciñanza de Nerga.
As accións que se levarán a cabo na edificación, consisten na reparación da cuberta, pavimentación do solo, colocación de carpintería exterior e dotación de saneamento. Así mesmo, a “Casa da Aldea” contará con tres dependencias destinadas a salón multiusos, baño e oficina, que albergarán un centro social destinado aos veciños e veciñas do lugar.
Durante os últimos meses procedeuse á limpeza do interior da edificación, que estaba chea de maleza, a recuperación da estructura e ao reforzo dos cimentos, grazas a unha subvención concedida pola Deputación de Pontevedra á Asociación de Veciños de Nerga.
Dende o goberno anunciase que está previsto que as obras se adxudiquen antes do verán e o a “Casa da aldea” estea acondicionada antes de finalizar o ano.
O orzamento total para este proxecto é de 46.114,99 euros que serán sufragados grazas a fondos procedentes do Plan de Inversión da Deputación de Pontevedra.
Este mediodía o alcalde José Enrique Sotelo e o concelleiro de Economía e Facenda Pío Millán visitaron o lugar, acompañados do presidente da Asociación de Veciños de Nerga, para comprobar o seu estado actual.
Outras actuacións
Esta actuación súmase ao proxecto de pavimentación dos camiños de Bouza Vella, Lapiña, Xoán Piñeiro e Garita, que se adxudicou a pasada semana.
Con estas medidas dende o Concello trátase de dar resposta a unha petición da Asociación de Veciños de Nerga.











