O Concello de Brión organiza unha ruta de sendeirismo con destino á Ribeira Sacra do Miño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBriónCalendario
A-
A+

O Concello de Brión convoca unha nova ruta de sendeirismo para o sábado 10 de maio que terá como destino a Ribeira Sacra do Miño, 21 quilómetros de dificultade media-alta entre o mosteiro de San Estevo e o embalse de Belesar. Un roteiro no que os sendeiristas disfrutarán de impresionantes paisaxes, dunha rica arquitectura románica e do bo viño da zona, comprendendo in situ por que se lle denomina “vendima heroica” á que se realiza na Denominación de Orixe Ribeira Sacra.

Como en edicións anteriores, o prezo de participación será de 8 euros por persoa e hai convocadas 50 prazas, que serán adxudicadas por orde de inscrición na Casa da Cultura ou no teléfono 981 50 99 08. A expedición sairá en autobús ás 8:00 horas do sábado 10 de maio dende a Carballeira de Santa Minia, a onde volverá pasadas as 20:00 horas. Dende o Concello de Brión lembran que é preciso levar comido tipo pícnic para xantar e recomendan levar bebidas para o camiño, así como calzado e roupa axeitados.

Esta será a cuarta ruta que se celebra dentro do Programa de Sendeirismo do Concello de Brión 2014, que está a rexistrar unha media de 100 participantes por iniciativa (o que obrigou ao Concello de Brión a poñer un segundo autobús nas dúas sesións celebradas nas Fragas do Eume e en Carnota). A terceira ruta terá lugar este sábado 26 de abril entre o Castro de Baroña e Corrubedo.

24 de abril de 2014 | 17:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.