O Concello da Laracha unirase á nova sección de concellos con intereses turísticos da Fegamp
O Concello da Laracha solicitará á Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) adherirse á nova sección de concellos con intereses turísticos creada por esta entidade. O asunto, por iniciativa do goberno local, será elevado ao Pleno extraordinario que se celebrará o día 28 de abril tras ser tratado previamente pola correspondente Comisión Informativa.
No caso de alcanzarse o acordo plenario, o grupo de traballo no que se integraría o Concello da Laracha dentro desta sección sería o que englobará aos municipios que contan con festas declaradas de interese turístico, tal e como é o caso da Romaría dos Milagres de Caión, que se celebra cada 8 de setembro.
Son obxectivos da nova sección creada pola FEGAMP o fomento e a defensa dos intereses dos concellos integrados no ámbito da mesma por medio do desenvolvemento de toda clase de accións tendentes á promoción de actividades e accións turísticas, organización de xornadas técnicas e informativas sobre cuestións que afectan ao sector, propiciar a colaboración entre organizacións similares e elevar propostas á propia FEGAMP, Xunta de Galicia ou ao Goberno do Estado en materia turística.
O turismo é un dos motores económicos do Concello da Laracha, sendo un sector de especial relevancia durante o verán na parroquia de Caión, pero tamén en zonas de interior do municipio como Paiosaco (principalmente, pola súa feira), Soandres (mosteiro de San Pedro), Gabenlle (área recreativa e paseo fluvial) ou, entre outros, a parroquia de Montemaior (polas festas do verán, en especial a Romaría de Santa Margarida).
Formar parte da nova sección de turismo da FEGAMP permitirá ao Concello da Laracha potenciar e publicitar os seus diferentes recursos turísticos, abrindo novas vías para atraer a un maior número de visitantes.











