O Concello da Laracha realiza o acondicionamento da praia de Caión de cara á Semana Santa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

O Concello da Laracha realizará durante os próximos días as labores oportunas dirixidas á posta a punto da praia de Caión para que o areal estea en óptimas condicións para acoller usuarios de cara á Semana Santa.

As actuacións que se levarán a cabo consisten na limpeza e retirada do lixo en toda a superficie da praia, a nivelación de area en determinados puntos e o integral acondicionamento do contorno do areal e os seus espazos de servizos complementarios, como son os aparcadoiros públicos, o merendeiro e a área de descanso e o paseo marítimo, incluíndo o novo tramo duns oitocentos metros de lonxitude que foi construído recentemente.

Neste ano os traballos serán especialmente arduos dado que os constantes temporais que soportou o litoral galego supuxeron que se depositasen nos areais importantes cantidades de residuos, así como de restos vexetais que agora van ser retirados.

Outro dos danos que sufriu a praia de Caión durante o inverno foi o arrastre, pola forza do mar, dunha gran cantidade de áridos, provocando desniveis na entrada principal e nos accesos aos aseos que agora serán corrixidos, deixándoos á mesma altura da area.

Ante a previsión de boas condicións climatolóxicas, desde o goberno municipal considérase que ofrecer aos usuarios da praia un areal en boas condicións de hixiene e salubridade, cómodos accesos e alta calidade de servizos no seu entorno, ademais de beneficiar aos veciños do municipio en xeral será, tamén, un importante incentivo para atraer turistas e visitantes durante a Semana Santa, posibilitando reforzar a actividade económica na localidade, especialmente no sector da hostalería. 

9 de abril de 2014 | 20:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.