O Concello da Laracha informa ás comisións de festas sobre os novos cambios lexislativos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

O Salón de Plenos do Concello da Laracha acolleu este mediodía a reunión que o Alcalde do Concello da Laracha –José Manuel López Varela-, a concelleira responsable das áreas de cultura, deportes, ensino, turismo e festas –Patricia Bello- e o secretario e o interventor municipais mantiveron con representantes das Comisións de Festas de todas as parroquias do Concello.

En primeiro lugar, o rexedor municipal agradeceu a asistencia de todos os presentes, e “dobremente” no caso de representantes das parroquias nas que non hai aínda unha Comisión de Festas constituída.

A continuación, o secretario do Concello explicou detalladamente o contido da nova Lei do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, que entrou en vigor a finais do ano pasado e que afecta directamente ás Comisións de Festas ao regular os espectáculos públicos e actividades recreativas, establecendo novos procedementos, requisitos e documentación necesaria á hora da tramitación das licencias e o desenvolvemento dos eventos.

Pola súa parte, o interventor informou do novo sistema para o outorgamento das axudas económicas municipais que o Concello da Laracha aplicará xa desde este ano. Ata o de agora requiríase que as Comisións de Festas presentasen unha solicitude no prazo determinado pola convocatoria do programa, existindo a problemática de que nese momento non todas estivesen constituídas. Para evitar esta situación, as axudas serán a través de subvencións nominativas, contemplándoas xa previamente na elaboración dos orzamentos xerais, polo que esta decisión implicará unha modificación das bases de execución do presuposto que se elevará ao Pleno extraordinario que se vai celebrar o próximo luns.

Deste xeito, cada parroquia coñecerá xa a principios de ano a cantidade económica municipal que se lle será asignada para colaborar nos actos festivos, abríndose a posibilidade de que as agrupacións poidan dispoñer do cincuenta por cento da contía que lles corresponde antes da celebración do programa de actos, sendo unha importante axuda nos preparativos de cada un dos eventos.

Por último, o alcalde lembrou que aínda que a cifra que se destinará a subvencionar a organización de festas diminúe nun 25% con respecto ao ano pasado, a aportación alcanzará os 26.900 euros e todas as parroquias, incluídas as rurais, contarán cunha achega municipal.

22 de abril de 2014 | 19:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.