O Concello da Laracha establecerá o sentido único de circulación en dúas rúas de Paiosaco
O Concello da Laracha establecerá o sentido único de circulación dos vehículos na rúa Álvaro Cunqueiro e na 2ª travesía José Loureiro González, dúas vías situadas en pleno centro de Paiosaco e que se atopan na área de influencia do campo da feira desta localidade.
En concreto, pola rúa Álvaro Cunqueiro poderase circular exclusivamente cara a 2ª travesía José Loureiro González, e nesta segunda, a dirección única do sentido do tráfico será desde a Avenida Bergantiños (estrada AC-552) cara a rúa José Loureiro González.
O goberno local tomou esta decisión en base a un informe realizado pola Policía Local da Laracha. A nova ordenación do tráfico prioriza o mantemento das zonas de estacionamento (en beneficio dos residentes e dos establecementos comerciais da zona) e permitirá unha máis sinxela e segura circulación dos vehículos, existindo, ademais, vías alternativas moi próximas e cómodas para os condutores que comunican coas rúas lindeiras. De feito, estes sentidos únicos do tráfico que agora se establecerán con carácter permanente xa se viñan aplicando durante as xornadas de feira para facilitar a circulación rodada.
Nos próximos días farase efectiva a nova ordenación coa correspondente sinalización horizontal e vertical en ambas rúas afectadas.











