O Concello da Laracha detecta unha nova vertedura de lixo en Vilaño
O Concello da Laracha detectou unha nova vertedura de lixo incontrolada na parroquia de Vilaño, concretamente na estrada que comunica os lugares de O Formigueiro e Ribela.
O material depositado ilegalmente neste lugar (neumáticos, plásticos e téxtiles) será retirado en breve polas brigadas municipais de limpeza despois de que a Policía Local elaborase o correspondente informe, do que se dará traslado á Garda Civil a través do SEPRONA (Servizo de Protección da Natureza).
Unha vez máis, desde o Concello da Laracha solicitamos a colaboración da veciñanza para localizar ao responsable da autoría deste acto.
Ao mesmo tempo, lembramos que depositar lixo en lugares non habilitados para tal fin está tipificado como unha infracción grave da ordenanza municipal de condutas cívicas, sendo de entre 750 e 1.500 euros a contía das sancións a aplicar.
Tamén recordamos que o Punto Limpo da Laracha é un servizo totalmente gratuíto para os usuarios que está a disposición de todos os veciños do municipio no Formigueiro, moi preto do casco urbano da Laracha. A esta instalación deben levarse os residuos que, polas súas características, non poden depositarse nos colectores habituais. Ademais, existe o servizo gratuíto de recollida de voluminosos a domicilio.











