O Concello da Laracha crea seis despachos no novo edificio administrativo
O Concello da Laracha iniciou os traballos dirixidos a distribuír o primeiro andar do novo edificio administrativo, unha instalación situada na Avenida Fisterra, a uns cen metros da Praza do Concello da Laracha.
A actuación que se está a acometer ten por obxecto crear seis novos despachos, tres a cada lado do ámbito, quedando unha ampla sala de espera na parte central do mesmo. A finalidade é facilitar o traballo diario dos funcionarios e persoal laboral municipal, así como mellorar a atención que se presta á veciñanza en xeral.
José Manuel López Varela, alcalde do Concello da Laracha, e Rocío López, edil responsable das áreas municipais de emprego, servizos sociais, muller e sanidade, comprobaron persoalmente o desenvolvemento das actuacións nunha visita ao novo edificio administrativo.
Nas labores de carpintería interior que se están a realizar e a dotación con mobiliario ao primeiro andar do edificio o Concello da Laracha investirá 50.000 euros con fondos propios municipais.
Unha vez rematen os traballos e os novos despachos estean listos para o seu uso, trasladaranse desde a Casa do Concello ata esta instalación municipal de recente creación determinados departamentos municipais, principalmente os dependentes das concellerías de servizos sociais e de urbanismo.
O novo edificio administrativo alberga actualmente na súa planta baixa as dependencias da Policía Local, o Centro de Información ás Mulleres, o servizo de orientación laboral, o departamento de deportes e os despachos do equipo directivo e persoal docente do obradoiro A Laracha-Arteixo: colaborando polo emprego. Precisamente a parte práctica –xa finalizada- dun dos módulos deste obradoiro impartiuse na sala do primeiro andar que nestes momentos está a ser dividida. O outro módulo realizouse no segundo andar, que permanecerá diáfano e preparado para poder acoller accións formativas destas características ou outros actos e eventos de interese municipal.











