O Concello da Laracha convoca reunións das mesas sectoriais de coordinación sobre violencia de xénero
A Mesa de Coordinación de Violencia de Xénero do Concello da Laracha foi constituída hai agora catro anos co propósito de optimizar o traballo que se desenvolve sobre esta temática entre os distintos poderes públicos, facilitando a colaboración entre todos os representantes da mesma (Subdelegación do Goberno, Concello, centros educativos, Policía Local, Garda Civil e centro médico da Laracha).
Esta Mesa de Coordinación de Violencia de Xénero está dividida en dúas mesas sectoriais: a de cooperación policial e a formada polos profesionais dos centros educativos e do centro médico da Laracha.
O Concello da Laracha convocou para o xoves 24 ás 13.00 horas e no Salón de Plenos a reunión da mesa sectorial de educación e sanidade, convidando a participar na mesma ao coordinador do centro de saúde da Laracha, á orientadora do IES Agra de Leborís e a representantes dos CEIP Otero Pedrayo da Laracha, Alfredo Brañas de Paiosaco e Caión.
Entre os asuntos a tratar na xuntanza cabe salientar a avaliación dos obradoiros de prevención da violencia de xénero realizados nos centros escolares durante este curso e o seguimento da coordinación e derivación de casos entre os distintos profesionais integrantes da mesa.
En próximas datas o Concello da Laracha tamén convocará a reunión da mesa sectorial de cooperación policial, que terá lugar a finais de abril ou nos primeiros días do mes de maio.











