O Concello da Coruña supera os 2.850 atletas inscritos para as dúas carreiras de Coruña42
Os concelleiros de Deportes e de Mobilidade, Francisco Mourelo e Begoña Freire, respectivamente, presentaron esta mañá as últimas novidades do programa de actividades que se desenvolve con motivo da III Maratón Atlántica Coruña42 e a súa carreira paralela de 10 quilómetros, que se disputarán o vindeiro domingo, 27 de abril, polas rúas da cidade, e onde se produciu unha marca de participación, ao alcanzar os 2.856 participantes. Ademais, o Concello preparou un dispositivo para garantir a seguridade dos participantes e facilitar o uso de vías alternativas para os desprazamentos tanto a pé como en vehículo particular ou en transporte público.
Francisco Mourelo destacou que os 2.856 corredores inscritos finalmente -1.134 no maratón e 1.722 na proba de 10 quilómetros-, aos que se suman medio centenar anotados para o Campionato Galego, demostran que Coruña42 se consolidou nesta terceira edición como unha das grandes competicións do atletismo, non só a nivel autonómico senón tamén nacional.
O concelleiro de Deportes subliñou que o elevado número de participantes, preto dun 30% máis que en 2013, contribúe a alcanzar o obxectivo marcado polo Goberno municipal de fomentar a práctica deportiva saudable. Mourelo lembrou o programa paralelo de actividades que se deseñou para facer máis atractiva a proba e achegar o atletismo a todos os cidadáns. Neste sentido, puxo como exemplo o tres masterclass organizadas con grandes atletas galegos como Andrés Díaz, Paula Mayobre, Yolanda Gutiérrez e Pedro Nimo.
Esta terceira edición do maratón, a ExpoRunning cambia de sede, trasladándose a Palexco, para ofrecer maior comodidade aos participantes. Ademais, como gran apertura, proxectarase de forma gratuíta o documental Fiz, puro maratón, que contará coa presenza de Martín Fiz. Todas estas accións, unidas a outras xa realizadas en anteriores edicións, como o programa de sustentabilidade e animación ou o ciclo de conferencias, volverán facer do Maratón Atlántica unha festa do deporte o próximo 27 de abril.











