O Concello da Coruña detecta un total de 43 vehículos abandonados na vía pública

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+

O Concello da Coruña, a través da área de Mobilidade que dirixe Begoña Freire, informa de que, no que vai de ano, detectáronse un total de 43 vehículos abandonados na vía pública, dos que 14 declaráronse residuo sólido urbano.

Do total de 43 vehículos, só 24 expedientes continúan abertos, pois o resto arquivouse porque os propietarios fixéronse cargo ao ver o adhesivo de aviso no parabrisas do seu coche. Ademais, tres automóbiles detectáronse a través do Plan RUA (que aínda seguirá en marcha ao longo deste ano) e os demais, mediante denuncias de particulares e por actuación da Policía Local e da inspección de Mobilidade.

Durante o mesmo período de 2013, declaráronse 11 vehículos residuo sólido urbano e detectáronse 73 vehículos abandonados na vía pública. Demóstrase, por tanto, unha maior conciencia dos cidadáns ao descender o número de vehículos abandonados na vía pública nun 41%, facilitando deste xeito que o espazo para estacionar non estea ocupado por vehículos en desuso, senón dispoñible para que os cidadáns poidan utilizar ese espazo para prazas de aparcadoiro. Neste sentido, o Concello fai un esforzo para pór a disposición dos cidadáns un servizo de retirada e xestión gratuíta de trámites que pode ser utilizado por calquera particular que queira desfacerse do seu coche. Así, ofrécese a través da empresa concesionaria encargada da retirada de vehículos e do seu tratamento como residuo o abono ao propietario de 50 euros e realiza todas as xestións de tráfico necesarias, tras concertar unha cita previa chamando ao teléfono gratuíto 900 70 11 57, en horario de 09.30 a 13.30 horas e de 15.30 a 19.30 horas.

20 de abril de 2014 | 11:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.