O concelleiro de Medio Ambiente de Cangas reúnese cos veciños da Choupana
Esta mañá o concelleiro de Medio Ambiente Jesús Graña mantivo unha xuntanza con representantes veciñais da zona de A Choupana para abordar a polémica xerada estes últimos días entorno a horta urbana posta en marcha por un grupo de veciños nesta zona da vila. Na reunión, que desenvolveuse nun ton “cordial e construtivo”, Graña explicou aos veciños que tras unha denuncia dun particular a Policía Local constatou nun informe a existencia dun terreo valado en cuxo interior estaban instalados unha mesa e dúas cadeiras. Ante esta interior o goberno local decidiu restaurar esta finca municipal eliminando estes elementos sobrantes que o cercaban. Os veciños así o entenderon e a instancias da Policía Local retiraron estes elementos e neste sentido o concelleiro sinala que hai outro informe da policía que así o certifica.
“Quero aclarar que dende o Concello non se instou a retirar as plantacións realizadas neste lugar” afirmou Graña, “o único que non queremos é a instalación de elementos que acouten zonas como privadas cando son de dominio público” engadiu. O edil tamén anunciou o compromiso de visitar a zona o próximo mércores acompañado pola aparelladora municipal para valorar xunto cos veciños posibles actuacións para poñer solución a algunhas deficiencias nas beirarrúas así como revisar as zonas municipais que precisan ser desbrozadas polas brigadas municipais.
Proxecto de mellora
Por outra parte Graña presentou aos representantes veciñais un novo proxecto de mellora do entorno da zona de A Choupana elaborado polo Concello de Cangas. O documento recolle a construción dun espazo de recreo cunha pista multideporte, outra pista para coches teledirixidos, un parque infantil e unha bancada cunha mesa. Tamén recolle a instalación na parte alta dun aparcadoiro para dar servizo aos edificios da zona e melloras na iluminación do lugar con dúas torres de 7 metros de altura. Con esta iniciativa, que esta pendente de financiamento, preténdese acondicionar e mellorar o entorno dunhas das zonas da vila con maior crecemento ao longo dos últimos anos.











