O comercio de Carballo e Gadis invitan ao cine a través da iniciativa Primavera de Cine
O Concello de Carballo, Galicine, Gadis e a Deputación da Coruña únense para facer máis alcanzable ir ao cine para os veciños e veciñas da comarca. Así, entre o 30 de abril e o 30 de xuño e presentando un ticket de compra de calquera comercio de Carballo ou de calquera dos supermercados Gadis da Costa da Morte (Cee, Camariñas, Vimianzo, Baio, Carballo e A Laracha) os interesados e interesadas poden conseguir as súas entradas para os Multicines Bergantiños de Carballo a un prezo de 4,90 euros. Os tickets presentados deben ser orixinais e estar debidamente cuñados na parte posterior polo establecemento en cuestión. Con eles, calquera persoa poderá acceder ao cine cun acompañante e polo prezo reducido de 4,90 euros para cada unha das dúas entradas.
Os tickets son válidos durante 15 días a partir da data impresa no propio ticket, polo que, se alguén realiza unha compra o 30 de xuño aínda terá até o 15 de xullo para aproveitar a súa entrada a prezo reducido. Hai que subliñar que o ticket non inclúe o prezo dos flocos de millo, refrescos, etc., nin tampouco o das lentes 3D. Unha vez máis, o obxectivo da iniciativa, incluída na campaña “Quedamos en Carballo”, é o de “fomentar o comercio de proximidade”, favorecer “que a xente poida ir ao cine”, en verbas do Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, e axudar “a que os cines sobrevivan”. Hai que mencionar que desta campaña quedan excluídas as películas da distribuidora Warner, que non admite ningún tipo de desconto nas sesións nas que se proxectan os seus filmes. César García de Seárez, responsable de Creativa Dixital, que colabora coa iniciativa, subliña o feito de que “por primeira vez participen absolutamente todos os comercios de Carballo”, que para promocionar a iniciativa tan só teñen que solicitarlle a Creativa Dixital o cartel para colgalo na súa tenda e colaborar cuñando os tickets. Tamén quixo resaltar que o prezo de 4,90 euros “é o prezo máis barato para ir ao cine de toda Galicia”.
Román Roo, coordinador de Gadis na comarca, amosou a súa satisfacción pola iniciativa e “polo feito de que participe todo o comercio”. Por último, o Alcalde, Evencio Ferrero, expresou a súa “satisfacción de ver como a sociedade carballesa participa de actividades culturais moi diversas”, e subliñou que “está ben que un medio tradicional coma o cine sexa de fácil acceso para o espectador”.











