O ciclo TRCdanza ofrecerá once espectáculos na Coruña nesta nova edición
A tenente de alcalde de Cultura, Ana Fernández, informou esta mañá que o ciclo TRCdanza 2014 ofrece un total de 11 espectáculos con propostas de diferentes estilos e formatos. Tras a primeira toma de contacto coa obra Antioedipus aut homunculus, representada o pasado 22 de marzo no Teatro Rosalía Castro, as próximas funcións serán mañá xoves e o venres, 3 e 4 de abril, co Centro Coreográfico Galego e o seu Full House. O ciclo pecharase o 5 de decembro con Silencio, por favor.
A responsable de Cultura, acompañada do director do Teatro Rosalía, Xosé Paulo Rodríguez, lembrou que é o terceiro ano consecutivo no que o Teatro Rosalía Castro resulta seleccionado para entrar no circuíto Danza a Escena, un programa que permite “contar con compañías de máxima calidade e renome dentro do panorama actual da danza e das artes do movemento” e que está organizado pola Rede Española de Teatros, Auditorios, Circuítos e Festivais de Titularidade Pública, impulsado polo INAEM (Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música) e ao que este ano se une a colaboración de Agadic a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios. Os espectáculos que quedan pendentes de ofrecer até final de ano dentro deste ciclo programaranse ás 20.30 horas.
“Nesta ocasión contamos con compañías galegas e de fóra de Galicia moi significativas, tanto pola súa aposta artística como pola variedade de formatos e estilos. Desde sós de danza como poden ser as apostas de Janet Novás ou Rut Balvís, a grandes formatos como os de OtraDanza ou Elephant in the Black Box Company (EBBC), ou os medianos formatos como Teresa Navarrete ou a compañía vasca Ceo Raso”, afirmou a responsable municipal de Cultura.
“A danza contemporánea de Teresa Navarrete, Ceo Raso, Rut Balvís ou Nuria Sotelo mestúrase no programa co neoclásico de EBBC, o espectáculo de proximidade de Res de Res, a aposta máis experimental de Janet Novás, ou o espectáculo de Matarile Teatro no que se entrecruzan o teatro e a danza para ofrecernos unha proposta singular coa que celebraremos o Día Internacional da Danza”, concluíu Ana Fernández.
Os billetes pódense comprar a un prezo de entre 10 e 13 euros, aínda que para Staying Alive, de Matarile Teatro (o 30 de abril) os prezos oscilarán entre 6,5 e 14 euros. Haberá un espectáculo gratuíto, con entrada libre até completar o aforamento (un máximo de 15 persoas para cada un dos 8 pases): a obra Remor, que se inclúe dentro da programación das Festas de María Pita. Para o resto de funcións do ciclo ofrécense descontos do 20% para maiores de 65 anos, desempregados e posuidores de carné novo.
As entradas están á venda a través das canles habituais: despacho de billetes da praza de Ourense, en horario de luns a venres, excepto festivos, de 09.30 a 13.00 horas e de 16.30 a 19.30 horas; televenta no teléfono 902 504 500, de luns a sábado de 08.00 a 22.00 horas; a través da web despacho de billetes.servinova.com durante as 24 horas do día; ou, o mesmo día da función, no despacho de billetes do Teatro Rosalía Castro, de 12.00 a 14.00 horas e de 18.00 a 20.00 horas.











