publicidade hoxe

O ciclo de música relixiosa de Barcia de Mera ofrece oferta cultural de calidade no rural

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMondariz
A-
A+

O Ciclo de Música Relixiosa de San Martiño de Barcia de Mera, en Covelo, Mondariz, celebra en 2014 a súa sexta edición co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. O cartel coa programación de concertos deste ano, que se desenvolverá entre os meses de abril e setembro, foi presentada esta mañá nunha rolda de prensa no Balneario de Mondariz coa participación do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, quen afirmou que “este ciclo lle outorga a Mondariz unha carta de presentación excelente desde a perspectiva cultural”.

Ao fío disto, o responsable de Cultura da Xunta de Galicia destacou que “para a poboación da zona, cunha ampla traxectoria histórica musical, constitúe unha oportunidade de incorporarse a unha programación cultural moi interesante”. Tamén incidiu no feito de presentar este ciclo “desde a colaboración entre entidades, con intereses e vocacións distintas, pero con capacidade de organización para sacar adiante un proxecto, coa vontade común dunha oferta cultural de calidade”.

Nese sentido, aproveitou para recoñecer “o traballo e o entusiasmo dos organizadores, particularmente de Rafael Antela, o traballo xeneroso dos artistas e a implicación do Balneario de Mondariz, que, seguindo o ronsel da súa propia identidade histórica, aposta unha vez máis por participar nunha proposta cultural de calidade como elemento enriquecedor dos seus atractivos turísticos”.

Programación de calidade no rural e posta en valor do contorno

Finalmente, referiuse á situación actual como “un momento no que sacar adiante programacións non é doado porque a capacidade de investimentos é reducida”. “Pero cando hai vontade –engadiu– é posible facer cousas e, neste caso, é importante apostar por que un ciclo de música de calidade se leve adiante nun espazo rural, poñendo tamén en valor o propio contorno: o noso patrimonio cultural e natural no que realiza”.

Na presentación tamén participaron Rafael Antela, Nieves García-Soto, Joaquín Barrera (organista), Maximino Keizan (actor) e Amalia Gallego, xefa de comunicacion do Balneario de Mondariz.

Un encontro coa música clásica

O Ciclo de Música Relixiosa de Barcia de Mera constitúe un encontro coa música clásica que nestes anos foi acadando un lugar destacado no panorama cultural da provincia de Pontevedra. O programa da súa sexta edición, que se desenvolverá entre o 26 de abril e o 20 de setembro, ofrecerá un total de seis actuacións.

O concerto inaugural, ‘Música na Real Corte Aragonesa’, correrá a cargo de Ensemble Vocal Thesaurus e celebrarase o próximo sábado 26 de abril, ás 20.30 horas, na igrexa de San Martiño de Barcia de Mera. A seguinte actuación, cun repertorio de barroco americano, chegará o 24 de maio da man de Vox Stellae Ensembre. As arias de ópera e oratorio inclúense no ciclo nas voces de Diego Neira, tenor, e Cecilia Rodríguez-Morán, soprano, que estarán acompañados ao piano por Jesús López na cita do 21 de xuño. O concerto ‘Bach, sonatas para órgano e frauta’ correrá a cargo de Joaquín Barreira, órgano, e Xabi Louriña, frauta, o 19 de xullo, mentres que o 15 de agosto será a quenda de Voz Organalis coa misa mozárabe.

O peche do ciclo musical de Barcia de Mera realizarase o sábado 20 de setembro, ás 20.30 horas, cun amplo programa barroco no que se poderá gozar de obras de Victoria, Mudarra e Monteverdi, entre outros, a cargo de Marta Velasco, mezzosoprano, e Ramiro Morales, tiorba, como principais protagonistas da xornada final.

As entradas para asistir ás diferentes citas do VI Ciclo de Música Relixiosa de San Martiño de Barcia de Mera poñeranse á venda, ao prezo de 10 euros, na recepción do Balneario de Mondariz e na propia parroquia o mesmo día da posta en escena.

15 de abril de 2014 | 16:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.