O CGAI difunde a obra do cineasta documental mexicano Nicolás Pereda
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria difunde en Galicia a obra do cineasta documental mexicano Nicolás Pereda a través da proxección, durante esta semana, de catro das súas obras máis recentes no Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) da Coruña.
A curta ‘Entrevista con la Tierra’ e as longametraxes ‘Perpetuum Mobile’, ‘Verano de Goliat’ e ‘Los mejores temas’ compoñen a selección de películas que se proxectarán desde hoxe e ata o venres 11 de abril. Os filmes, realizados entre 2008 e 2012 con dirección e guión de Nicolás Pereda (México D.F., 1982), representan o persoal estilo do autor, caracterizado pola fusión entre realidade e ficción e pola captación dos contrastes da realidade cotiá.
Pereda, que con pouco máis de trinta anos conta xa no seu haber con nove películas, é habitual de festivais como Cannes, Locarno ou Venecia, onde obtivo o premio da sección Orizzonti en 2010 por ‘Verano de Goliat’. De visita en Galicia pola retrospectiva que se lle acaba de dedicar no festival internacional Play-Doc, celebrado en Tui entre os pasados 2 e 6 de abril, estará presente en tres das sesións programadas: as do martes, mércores e xoves ás 20.30 horas.
O ciclo dá comezo hoxe á tarde (20.30h) e mañá mércores (18.00h) coa proxección dun programa dobre que se inciará con ‘Entrevista con la Tierra’, unha curtametraxe documental onde, por medio de entrevistas e representacións, asistimos á historia de dous mozos, Nico e Amalio, que perden un amigo na ascensión dunha montaña.
Tándem Gabino Rodríguez e Teresa Sánchez
A continuación poderá verse ‘Perpetuum Mobile’, película protagonizada por Gabino Rodríguez e Teresa Sánchez, o tándem fetiche presente en varias películas de Pereda, Nela, Gabino traballa facendo mudanzas cun camión escangallado na cidade de México, onde vive coa súa nai, Teresa, quen venera o irmán máis vello de Gabino, Miguel, aínda que este nunca os visite. A avoa morre soa no seu departamento e descóbrena dúas semanas despois.
Mañá día 9 ás 20.30h e o xoves 10 ás 18.00h proxectarase ‘Verano de Goliat’, filme no que as constantes do estilo de Pereda radicalízanse sen perder de vista os seus temas habituais, da morte á fraxilidade dos lazos familiares. Coa interpretación de Clemencia Alejo e Gabriela Alejo, a proposta lévanos a un pobo chamado Huilotepec, habitado con xente solitaria e resentida. Alí, os soldados intimidan a poboación e rexístranse misteriosas mortes. O ambiente do lugar aparece impregnado dun sentimento de abandono.
O último título incluído no ciclo é ‘Los mejores temas’, unha coprodución México-Canadá-Holanda que conta de novo coa parella actoral de Gabino Rodríguez e Teresa Sánchez. Será o xoves 10 ás 20.30h e o venres 11 ás 18.00h cando se poderá gozar desta outra entrega da hábil mestura de ficción e non ficción de Nicolás Pereda. Nesta ocasión, o relato de Emilio, home na cincuentena que regresa á casa logo de quince anos de abandono, e é recibido pola súa muller e o seu fillo con tanto receo como confusión.











