O CES de Pontevedra constata a preocupación pola situación económica e aposta por crear un observatorio
Logo de tres horas de reunión, o Consello Económico e Social (CES) de Pontevedra constatou a preocupación de todos os axentes participantes pola situación ecónomica de Pontevedra e da súa comarca, unha situación que non é allea ao resto do país e que vén marcada por decisións políticas adoptadas polo Goberno do Estado. Ante esta situación, o CES –como órgano consultivo- analisou as posibilidades que se poden tomar no ámbito local, sempre tendo en conta o marco legal que permite un marxe de actuación raquítica.
Na extensa reunión, á que asistiron representantes de todas as entidades participantes agás a Cámara de Comercio que excusou a súa asistencia e a Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia, da que non se tivo noticia, acordouse iniciar a creación dun modesto observatorio que defina claramente a situación económica local dende o punto de vista do emprego, dos sectores productivos… Participarían deste observatorio tanto a Universidade, como sindicatos e o propio Concello.
Outro dos acordos foi a implementación do Plan de emprego municipal sempre e cando o permita a lexislación vixente, xa que cada vez é máis restrictiva no tocante á competencia de emprego para as administracións locais (de feito, está totalmente anulada na nova Lei da administración local). A implementación iría na liña da creación de becas renuneradas en empresas para mellorar a formación.
Tamén se tratou a posibilidade de crear unha comisión específica e de coordinación dos sectores económicos coa universidade para aproveitar as sinerxias.
Finalmente, emplazouse a todos os axentes do CES a manter unha nova reunión na primeira quincena do mes de xullo para ver a evolución e posta en marcha destas medidas.
Na reunión, ademais do informe socioeconómico achegado pola Alcaldía e por CC OO, tamén se aportou un informe de 13 medidas creado por CC OO; unha análise económica e empresarial do eixo Marín-Pontevedra- Poio proporcionado por Aempe; e un informe sobre 100 medidas para a creación de emprego en Galiza, falicitado pola CIG. Sobre todos eles, volverase a abundar na vindeira reunión.











