O CES de Monforte abordará a paralización do proxecto do AVE
O alcalde de Monforte convocou unha reunión do Consello Económico e Social (CES) que se celebrará o vindeiro martes día 15 de abril, ás 20:00 horas no Salón de Plenos da Casa do Concello.
O obxecto da convocatoria é analizar a paralización do proxecto da liña de alta velocidade Ourense-Lugo, e adoptar unha postura común fronte a esta decisión do Goberno do Estado.
A esta xuntanza do CES tamén asistirá o senador socialista Ricardo Varela, promotor da reunión celebrada o pasado mes de marzo na capital provincial entre os alcaldes de Lugo, José López Orozco, e de Monforte, Severino Rodríguez, co propio senador e co deputado en Cortes José Blanco, co obxecto de evitar que se consume unha nova marxinación da nosa provincia.
A celebración deste encontro produciuse logo de que o senador Ricardo Varela descubrira as intencións do Goberno de Rajoy respecto do AVE en Lugo. Primeiro acreditou que o Ministerio de Fomento suspendera hai dezasete meses a tramitación do proxecto para a construción da Estación Intermodal de Lugo, e despois tivo coñecemento de que tamén se deu orde de paralizar a construción da variante de Pobra de San Xiao da Alta Velocidade.
Dada a importancia da creación dun eixo Lugo-Monforte na defensa do AVE, desta reunión xurdiron diversas actuacións encamiñadas a poñer en marcha iniciativas de tódalas institucións para tratar de evitar que Lugo sexa a única provincia que quede fóra da alta velocidade ferroviaria.
A reunión do CES é unha das medidas adoptadas polos alcaldes das dúas cidades máis importantes da provincia en defensa do AVE.











